Feijóo conmemora a Fraga en Vilalba: “A mellor homenaxe é seguir o seu legado”

O presidente da Xunta asegura que "fronte aos partidos que queren importar derivadas independentistas", o PP "vai continuar defendendo a Galicia española e europea".

Feijóo na homenaxe a Fraga, no décimo aniversario do seu falecemento, en Vilalba (Lugo). ANGELLG/PPDEGALICIA

O presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, proclamou este sábado, durante un acto conmemorativo polo décimo aniversario do falecemento de Fraga, que a “mellor homenaxe que se lle pode facer é continuar co seu legado de construír un PP maioritario en Galicia e en España”.

Tras a ofrenda floral realizada en Vilalba, ante o busto situado na Alameda, o dirixente popular remarcou que, nun momento no que “hai partidos que queren dividir, o PP ten que continuar sendo a casa común na que un amplo espectro de persoas e de sensibilidades se sintan integradas e representadas”.

“Só unidos podemos ser unha alternativa aos socialistas, populistas e independentistas que gobernan a Administración Xeral do Estado e algunhas comunidades”, advertiu na súa intervención, nun acto no que tamén estiveron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e o vicesecretario popular, Jaime de Olano, entre outros.

Feijóo sinalou que “ante os ataques constantes e continuados que sofren a Constitución e as institucións, mesmo por parte dos membros do Goberno e dos seus socios, o Partido Popular debe seguir manténdose como unha garantía de reformismo tranquilo que traballa para mellorar, continuar estando á altura do pobo ao que representa e demostrando que o desprestixio institucional tamén supón o desprestixio dun país”.

Así mesmo, Feijóo, que na tarde deste sábado participa nunha mesa de presidentes autonómicos no congreso popular de Castela e León, remarcou que “fronte aos partidos que queren importar” a Galicia “derivadas independentistas”, o PP “vai continuar defendendo a Galicia española e europea, avanzando por unha comunidade aberta e sen complexos, crendo nunha terra moderna e ensanchando as súas bases”. “Imos seguir apostando por Galicia”, remarcou.

FUNDADOR DO PARTIDO E “PAI DA CONSTITUCIÓN”

Durante a súa intervención, Feijóo destacou a “importancia” de Fraga na historia política, unha “figura fundamental” da que resaltou a súa “extraordinaria capacidade de traballo e determinación”. Lembrou, neste sentido, que o político vilalbés é o fundador do “gran partido de centrodereita en España”, chegando a conseguir ser “un gran punto de encontro para conformar a anhelada ‘maioría natural'”. “E é que é un dos grandes pais da Constitución que trouxo ao país liberdade, benestar e igualdade“, destacou da traxectoria política de Fraga, que se remonta á época franquista.

Fraga, lembrou así mesmo, é “o líder que durante máis tempo presidiu a Xunta”, unha marca que Feijóo podería igualar nos próximos anos, despois de xa cultivar a súa cuarta maioría absoluta consecutiva. Feijóo puxo en valor que baixo o mandato do vilalbés “se desenvolveron todas as institucións estatutarias, Galicia gañou prestixio nacional e internacional, acuñouse o termo bilingüismo cordial na lei de normalización lingüística e logrou que os galegos do exterior se sentisen máis galegos”.

Feijóo tamén se referiu á “gran responsabilidade e enorme orgullo que supuxo coller a testemuña” de Fraga, remarcado que “xestionar o seu legado non cabe nun tuit, non permite delegar esa xestión a un consultor e non ten cabida na frivolidade que impera hoxe na política nacional”. No seu discurso, Feijóo salientou que os populares galegos continúan na mesma vocación do fundador do partido: “Galicia por encima de todo”.

GARCÍA EGEA

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, quixo lembrar tamén ao que foi o fundador deste partido e pediu seguir o exemplo dun, segundo o popular, “español universal que dedicou a súa vida a España”. Así o puxo de manifesto García Egea durante a súa intervención no XIV Congreso do PP de Castela e León que se celebra en León e onde será reelixido no cargo o actual presidente rexional, Alfonso Fernández Mañueco.