InicioPolíticaTomé búrlase do "Partido Popular Podemita" tras a 'performance' dos alcaldes ante...

Tomé búrlase do “Partido Popular Podemita” tras a ‘performance’ dos alcaldes ante a Deputación

A protesta do PP contra o "abandono" das estradas provinciais foi recibida con ironía por parte do presidente: "Ao velos petando cos cascos no chan parecía o ensaio dunha batucada. Sería un grupo perfecto para Got Talent". "Por min poden seguir instalados na política de fochanca", engadiu.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, ironizou este venres coa protesta dos alcaldes do PP deste xoves ante o Pazo Provincial, unha “performance” do que deu en chamar “Partido Popular Podemita”. 

Tomé referiuse así á concentración que protagonizaron onte os 32 alcaldes populares contra o estado de “abandono” dalgunhas estradas provinciais. “Ao ver que estaban agachados, dando cos cascos no chan pareceume o ensaio dunha batucada preparando o espectáculo para as actuacións de verán”, chanceou, para considerar que sería un “grupo perfecto para presentarse a Got Talent’. “Mesmo eu lles podería aplaudir”, engadiu.

“Moi mal ten que estar o PP na provincia de Lugo con este tipo de espectáculo rueiro para chamar a atención, que é máis propio de partidos que eles chaman podemitas e fan aquí en Lugo o que critican logo en Madrid”, sinalou.

Tomé acusounos de “botar de menos tempos pasados en que gobernaban na sombra, sen mancharse, e utilizaban a institución en beneficio propio”. Considerou “evidente” que o PP “non ten argumentos para facer oposición a este humilde presidente”.

Neste sentido, instou aos populares a asumir que o Goberno actual foi capaz de “normalizar o funcionamento da Deputación como unha institución seria”.

“Por min poden seguir instalados na política da fochanca. Mentres eu sexa presidente eses tempos que bota de menos o PP non van volver á Deputación. Para min o PP a partir de agora pasa a ser o partido do tres P’s, o Partido Popular Podemita ou polemizado“, sentenciou.

CRÍTICAS DIRECTAS A CASTIÑEIRA

Tras isto, reprochou ao portavoz provincial, Javier Castiñeira, que “desde que o botaron da alcaldía os veciños de Foz non atopa o seu sitio” e dedícase a “imitar” á presidenta do PP lucense, Elena Candia, pero “sen propostas para facer o papel de oposición”.

“Xa ten mérito ver a Castiñeira facendo de piquete, coma se o Partido Popular de Lugo fose unha empresa que está en crise e que parece que si. Con respecto a Candia, coa súa vestimenta e o seu aspecto de leopardo que tiña onte, sinceramente daba a imaxe do vaqueiro americano que entrou no Capitolio en Estados Unidos”, criticou.

Tomei considerou “sorprendente” que falen “de trato discriminatorio”, cando Candia “en pouco máis de 3 meses que foi presidenta desta institución” asinou 43 convenios dos que 42 tratáronse de convenios para “concellos do PP”.

ACORDOS

Por outra banda, na xunta de goberno, o presidente anunciou a aprobación do programa ‘Saborea a túa provincia’, unha das dez medidas recollidas no Plan de Impulso da Economía “para o apoio e promoción do consumo dos sectores económicos máis afectados as restricións sanitarias, sobre todo hostalaría, turismo e comercio local”.

Este programa conta cun orzamento de 100.000 euros destinados a “incentivar o consumo de produtos da provincia”. “Organizaranse xornadas gastronómicas, tamén lúdicas por toda a provincia cada fin de semana nas que diferentes cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán cos establecementos locais para facer pratos con produtos típicos de cada zona e haberá actividades para todos os públicos”, relatou.

Sempre que as condicións sanitarias o permitan, este programa “desenvolverase no mes de agosto, en nove xornadas gastronómicas e lúdicas, alternando zonas da costa con zonas do interior”, detallaba finalmente o presidente provincial de Lugo.

+ posts

ÚLTIMAS

A Ponte de Cruzul, a única neoclásica de Lugo, declarada BIC

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o real decreto polo que...

O goberno local de Guitiriz defende que as súas accións se efectuaron “con absoluto respecto á legalidade”

O goberno de Guitiriz defendeu este mércores que todas as súas actuacións "leváronse a...

“Canda Elena”, a canle con entrevistas en Youtube da ‘popular’ Elena Candia

A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, puxo en...

Mostra ‘O derradeiro trazo de xiz’ Miguel Muñiz no pazo de San Marcos

Esta tarde inagurouse no Pazo de San Marcos a mostra fotográfica e documental “O...