InicioPolíticaAs dilacións de Pilar de Lara obrigan á Xustiza a indemnizar a...

As dilacións de Pilar de Lara obrigan á Xustiza a indemnizar a Fernando Blanco

O Consello Xeral do Poder Xudicial entende que houbo "un funcionamento anormal" do proceso xudicial arredor deste político, que abandonou a actividade pública ao ser imputado nunha causa que foi arquivada anos despois

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu un informe no que recoñece que a administración de xustiza tivo un “funcionamento anormal” con respecto ao exconselleiro de Innovación e Industria co bipartito e exdeputado do BNG, Fernando Blanco, quen abandonou a política ao ser imputado nunha causa xudicial instruída pola xuíza Pilar de Lara que foi arquivada anos despois. Así, avala que sexa indemnizado.

Tras a súa imputación pola causa iniciada en 2012, Fernando Blanco abandonou a política e a partir de 2014 reclamou o arquivo da causa contra el, sobre a base de informes policiais, a pesar do cal se mantivo imputado seis anos na denominada ‘Operación Campión’.

Segundo o informe do CXPX, que adiantou este venres El Progreso, e ao que tivo acceso Europa Press, o órgano de goberno pronúnciase favorablemente á petición de Fernando Blanco para que se responda patrimonialmente, é dicir, cunha indemnización, as dilacións no arquivo da súa causa.

O seu avogado, Xoán Antón Pérez-Lema, explicou a Europa Press que desde 2014 había informes que xa apoiaban o arquivo da causa pero mantívose aberta catro anos máis ata que a Audiencia Provincial fallou o sobresemento da causa.

O recoñecemento da responsabilidade patrimonial é un dereito que, explicou o avogado a Europa Press, non é habitual, posto que os procedementos das causas están sostidos sobre a lei procesual. Con todo, neste caso, e desde 2014, “continuouse cunha investigación prospectiva” a pesar de que “non había ningún material”, indicou en referencia a Pilar de Lara, de quen lembrou que foi “sancionada” polo poder xudicial por “atrasar neglixentemente ou maliciosamente o inevitable sobresemento” da causa contra Fernando Blanco.

MÁIS DE 200.000 EUROS

Tras o informe do CXPX, agora é quenda para o Ministerio de Xustiza, que debe resolver se finalmente se outorga a indemnización, xa que non é vinculante a petición. A defensa do expolítico reclamou 232.528,33 euros, pero a proposta do consello non fai ningunha estimación sobre a compensación patrimonial.

En todo caso, a defensa estima que a resolución será positiva e que a única discrepancia pode residir nas contías. De todos os xeitos, afirmou, como así o sostén tamén o propio Fernando Blanca, que se trata máis dunha cuestión “cualitativa que cuantitativa”, posto que o feito de recoñecer este funcionamento “anormal” vénlle a dar a razón sobre a súa proceder na política.

RESOLUCIÓN

Na resolución, o Consello Xeral do Poder Xudicial conclúe que se produciu un “funcionamento anormal” da administración de xustiza no procedemento no que se reclama unha responsabilidade patrimonial.

“Despréndese que a instrución sufriu continuas paralizacións desde o ano 2013 e despréndese tamén os inxustificados atrasos á hora de prover as peticións de sobresemento do reclamante, que constitúen unha indebida dilación e, polo tanto, un funcionamento anormal da Administración de Xustiza”, recolle nos seus argumentos o informe, que apunta que non procede pronunciarse sobre a contía da indemnización.

Tamén indica que, aínda que en si mesma a reparación económica non é un dereito constitucional, sostén que esta petición si pode estar fundamentada no propio marco constitucional, no que se recolle (entre outras cuestións) o dereito a un proceso “sen dilacións”.

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...