O BNG avoga por “reindustrializar” o sector agrario e aproveitar os fondos da UE

A voceira nacionalista, Ana Pontón, visitou o Campus de Lugo, desde onde lembrou que urxe máis un servizo ferroviario "que vertebre o país" ca un AVE a Madrid.

Ana Pontón / Álvaro Ballesteros - Europa Press

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este mércores a necesidade de “reindustrializar” o sector primario e o agrario, para o que avogou por reflexionar sobre as oportunidades que se abren cos fondos Next Generation.

Nunha visita ao Campus de Lugo, Pontón apelou á reflexión sobre as oportunidades que os fondos de recuperación europeos abren para o interior de Galicia e Lugo. “O interior de Galicia non pode quedar atrás e hai que poñer en marcha unha estratexia que permita visibilizar eses fondos para reverter algún dos problemas que vemos, como o despoboamento ou o envellecemento”, sostivo.

“Segue existindo un sector que é básico como o sector primario, que ten un enorme potencial e unha enorme capacidade e cremos que se deben de utilizar os fondos Next Generation para industrializar o sector agrario e ter unha estratexia que permita a transformación desa materia prima creando máis emprego, mellores rendas e creando unha actividade económica que reverta a situación que vivimos estes anos”, precisou.

Pontón incidiu en que se debe de “acompañar esa estratexia de industrialización” con “outras tres partes” como son “unha estratexia de quilómetro 0 que permita a comercialización en circuítos curtos dos produtos”, “impulsar unha plataforma de distribución pública privada que posibilite a saída a novos produtos”, así como “un plan do rural intelixente que garanta que vai haber conexión a Internet”.

CHEGADA DO AVE A LUGO

Por outra banda, sobre a chegada do AVE a Lugo, a nacionalista puxo de relevo que “é fundamental” que Lugo poida ter un tren que vertebre o país. “Aínda que ás veces a única obsesión parece ser chegar canto antes a Madrid, é importante que Lugo-Sarria teña unha conexión con Monforte, con Ourense ou poñer sobre a mesa unha alternativa para que Lugo estea conectada con Santiago porque iso permitiría reducir moito as distancias e os tempos”, demandou.

Finalmente, Pontón resumiu en que “o gran reto” pasa porque “haxa realmente unha modernización do ferrocarril“, que sirva para a conexión interior dos pobos e cidades. “Esa debe de ser a prioridade”, apuntou.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here