InicioPolíticaO PP acusa a Lara Méndez de hipotecarse para mercar un coche...

O PP acusa a Lara Méndez de hipotecarse para mercar un coche oficial de alta gama

O grupo popular critica que se solicitara un crédito para adquirir un vehículo de 70.000 euros, pero o goberno local defende que era necesario renovar os coches de 20 anos de antigüidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O portavoz do PP no Concello de Lugo, Ramón Carballo, acusou o goberno local de destinar 70.000 euros, a crédito, para mercar un coche de “alta gama” para os desprazamentos da alcaldesa, Lara Méndez.

Na primeira rolda de prensa do grupo municipal do PP desde o inicio da pandemia, Carballo avisou de que “non é de recibo, con esta crise económica, social e sanitaria, que se acuda a un crédito para que a alcaldesa dispoña dun coche de alta gama por un importe de 70.000 euros”.

Tamén alerta de que se vai a comprar outro coche de gama media por 33.000 euros. “Supoñemos que será para o vicealcalde (o nacionalista Rubén Arroxo) ou para outros membros do equipo de goberno”, sostén.

Así o expuxo en relación con borrador dos orzamentos municipais para 2021, que ascenden a máis de 106 millóns de euros e que se debaterán nun pleno extraordinario o vindeiro venres. Os populares xa anticipan o seu voto negativo.

CRÍTICAS AOS ORZAMENTOS

Deste xeito, o portavoz popular recrimina que as contas supoñen “unha hipoteca para os lucenses” a dez anos, o tempo requirido para devolver os sete millóns de euros do crédito extraordinario, que supoñen “un millón máis de euros en intereses”.

Tamén afeou que nas contas non se dispoña “nin unha soa partida” para devolver “Á legalidade” as torres do Garañón, urbanización aos pés do parque Rosalía de Castro que están paralizadas e investigadas pola xustiza.

Os populares quéixanse igualmente de que estes orzamentos “déronse a coñecer” antes aos medios que á oposición e ao Consello Económico e Social da cidade. Así mesmo, obxectou que das máis de “cincuenta propostas” que presentaron os populares “só” se tiveron en conta nove.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa parte, o goberno local de Lugo saíu ao paso das críticas do PP, que tacha de “ridículas”. Nun comunicado, o goberno local sinala que este cambio se debe a que os vehículos son “de moita antigüidade” (17 e 20 anos) e a súa renovación é necesaria polos continuos gastos de mantemento que xeran. “Trátase de automóbiles que non son de uso exclusivo, senón que están a disposición tanto das persoas integrantes do equipo de goberno como do resto de empregados municipais que, durante o desempeño do seu labor, precisan realizar desprazamentos”.

Así mesmo, o Concello de Lugo remarca que os trámites para o cambio destes vehículos iniciáronse antes da pandemia, mentres “se priorizaron outras actuacións” como a renovación de parque móbil de policía e bombeiros, entre outros.

Sobre o crédito de sete millóns, o goberno local resalta que se recorre á débeda “por primeira vez desde que se alcanzou a débeda cero no ano 2017″. “É case unha broma que o PP critique o uso do endebedamento”, recrimina, tras deixar á súa marcha do executivo lucense en 1999 “unha débeda de 43,5 millóns”.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...