A defensa de Gómez Besteiro quere apartar do caso Garañón á empresa Maello e á Asociación en Defensa das Costas do Parque

Edificio O Garañón, en Lugo / Europa Press.

O avogado do ex secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro na causa sobre o Garañón, o letrado Cándido Conde Pumpido, explicou que queren apartar da investigación á empresa Maello e á Asociación en Defensa das Costas do Parque.

O letrado detallou que aínda seguen á espera da resolución da Audiencia Provincial de Lugo sobre o auto ditado pola extitular do Xulgado de Instrución número un da cidade Pilar de Lara “o día antes de ser apartada” polo Consello de Xeneral do Poder Xudicial (CGPJ) por “dilacións indebidas”. O avogado interpreta que esta última “resolución” ordenada pola xuíza “era nula”. “Por tanto, seguimos á espera de que así o declare a Audiencia Provincial”, sinalou.

En tanto, Conde Pumpido subliñou que “no procedemento séguense sucedendo os escritos cos que se manifesta a falta de capacidade para ser parte de (a empresa) Malleo e a Asociación en Defensa das Costas do Parque”. Segundo indica, “non teñen prexuízo concreto e non son prexudicadas polos delitos, que en todo caso, se seguirían no procedemento”.

En canto a Malleo concretou que “comprou unha serie de leiras pola zona do Garañón, que despois esixiu unha responsabilidade á administración e que foi resolta e di que non existe ningún tipo de prexuízo que deba ser indemnizado pola administración”. “Isto lévanos a pensar que non é prexudicada (a empresa) polos delitos que se seguen na causa do Garañón”, remarcou.

Conde Pumpido explicou, así mesmo, que “chegou un informe sobre todo aquilo do edificio do Instituto Nacional de Estatística nesa mesma zona onde se levantan as torres do Garañón” que “vén establecer por parte do Estado que non existe ningún tipo de irregularidade naquela compra“. “Isto desbarata a teoría de Pilar de Lara da existencia dun ilícito penal en relación a esa compra e esa venda”, manifestou.

En concreto, José Ramón Gómez Besteiro segue investigado na causa do Garañón, da súa etapa como concelleiro de urbanismo no Concello de Lugo cando era alcalde Xosé López Orozco sobre quen pesa tamén unha imputación por autorizar a dita urbanización.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here