O BNG critica a “improvisación” da Xunta nos centros de anciáns e pide a súa intervención

O Bloque comprometeuse a levar iniciativas ao Parlamento galego sobre infraestruturas para a provincia, sobre todo a autovía Lugo-Santiago, e tamén sobre o ferrocarril.

Ana Pontón / Álvaro Ballesteros - Europa Press

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu á Xunta que “blinde” os centros de maiores fronte á pandemia de coronavirus: “Seis meses despois o que non podemos é seguir vendo a improvisación e ver a COVID nas residencias”.

Así o reclamou a líder nacionalista durante un almorzo informativo ofrecido este venres en Lugo acompañada da viceportavoz do Bloque no Parlamento galego, Olalla Rodil, e do primeiro tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo.

Neste conxtexto, e ante o aumento case diario de casos de COVID-19 nos xeriátricos, Ana Pontón lamentou que a Xunta non adopte as “medidas necesarias para que se blinde a saúde e a vida das persoas” que se atopan nestes centros.

Todos podiamos entender que en marzo ningún goberno estaba preparado para a pandemia, pero seis meses despois o que non podemos é seguir vendo a improvisación e ver a COVID nas residencias sen que a Xunta estea a actuar coa contundencia, nin cos mecanismos necesarios para garantir a saúde das persoas que viven aí”, explicou.

Seguidamente, Pontón reclamou ao Goberno galego que “abandone a autocompracencia e que se poña as pilas”: “Estamos no medio dunha pandemia e non é presentable que seis meses despois as residencias de maiores sigan sen blindarse no noso país”.

INICIATIVAS SOBRE INFRAESTRUTURAS

Así mesmo, a portavoz nacional do BNG comprometeuse a levar iniciativas ao Parlamento galego sobre infraestruturas para a provincia, sobre todo a autovía Lugo-Santiago, e tamén sobre o ferrocarril, que asegura que “aínda está ancorado no século XIX”.

Pola súa banda, a viceportavoz nacionalista e parlamentaria lucense Olalla Rodil deixou claro que a formación se marca como obxectivo e como “unha das prioridades” da lexislatura “a defensa dos servizos públicos e un deles é a sanidade”.

Rodil lembrou que o BNG leva reclamando “hai varias semanas que é necesario desconfinar a atención primaria” e, por tanto, “recuperar, con todas as garantías, a atención sanitaria” e “a atención presencial nos centros de saúde”.

Lonxe de “desconfinar esa atención primaria”, queixouse de que “o PP tomou recentemente unha decisión que vai en contra dos veciños e dos barrios (de Lugo), como foi centralizar a atención sanitaria os sábados pola mañá no centro de saúde de Fingoi, deixando os cinco restantes sen actividade”.

Iso obriga a moitos veciños –proseguiu– “a facer desprazamentos inncesarios e, ao contrario do que esixe a COVID-19, está a acumularse cada vez máis poboación nun único espazo”. “Esta é unha cuestión que trasladamos ao parlamento en Galicia”, concluíu Rodil.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here