Candia presume do apoio total” ao PP na provincia e o PSdeG di que os resultados foron “insatisfactorios”

O BNG suliña que é unha "alternativa clara" de goberno.

LUGO ELENA CANDIA RIBEIRA SACRA

A cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo, Elena Candia, destacou o “apoio total” ao Partido Popular na provincia de Lugo, na que o os de Feijóo obtiveron nove deputados, un máis que nas eleccións de 2016.

Deste xeito, o PP continúa como a forza política máis votada nunha provincia na que o BNG consegue tres deputados, dous máis que hai catro anos. Pola súa banda, o PSdeG cede un deputado e queda con dous.

Respecto diso, Elena Candia, quixo dar un “enorme agradecemento” a todos os lucenses, porque, segundo indicou, “demóstrase un apoio total ao Partido Popular”. Ademais, mostrou a súa satisfacción polo “inmenso caudal de confianza”, que se comprometeu a recompensar “con traballo”.

Deste xeito, conforme apuntou, a provincia de Lugo convértese nun bastión para os populares grazas “ao maior apoio electoral” conseguido. Así mesmo, tamén celebrou a “alta participación” que, ao seu xuízo, fai que “o resultado sexa máis merecedor de ser posto en valor”.

O PP gaña en 64 dos 67 concellos da provincia. Así, só en Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Pedrafita do Cebreiro, os socialistas conseguiron maior número de votos.

AGRADECEMENTO DO BNG

Pola súa banda, a ‘número un’ do BNG por Lugo, Olalla Rodil, tamén mostrou o seu agradecemento a todas as persoas que “depositaron a súa confianza no Bloque Nacionalista Galego” e puxo en valor “a gran responsabilidade” que afronta polos resultados obtidos por ser “históricos na provincia”.

“Traballaremos desde hoxe” para seguir “defendendo os intereses e dereitos” de todas as comarcas de Lugo no Parlamento de Galicia, manifestou Rodil, que recoñeceu que o ascenso do BNG “ten un sabor agridoce” porque querían “derrotar o PP”. Con todo, non “esconde” que o seu partido é unha “alternativa real e clara” ao goberno de Núñez Feijoo.

Pola súa banda, mentres que Galicia en Común non obtivo ningún deputado na Cámara galega, os socialistas ceden un con respecto a hai catro anos polo que o número dous da candidatura do PSdeG, Luís Álvarez, recoñece que os resultados foron “insatisfactorios”.

Con todo, Álvarez afirmou que desde o seu partido “seguirán impulsado medidas e propostas” que contribúan a “mellorar a calidade de vida” de todos os lucenses coa “aptitude dun partido de goberno”.

Por último, a cabeza de lista pola provincia de Galicia en Común, Miguel Anxo Fernán-Vello, rexeitou facer ningún tipo de declaración sobre o trompazo da súa formación na xornada do domingo.