InicioPolíticaFernán Vello: "O escano de Galicia en Común por Lugo pode ser...

Fernán Vello: “O escano de Galicia en Común por Lugo pode ser chave para a maioría da esquerda”

O nº1 por Lugo na coalición de Galicia en Común-Anova-Mareas afronta a recta final dunha campaña cuxo punto de mira estivo na Mariña: "O tema de Alcoa é un crime económico; a xestión do rebrote, un crime sanitario", asegura.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Miguel Anxo Fernán Vello fala con voz grave e fonda, o complemento perfecto a un aire de intelectual que semella ter asumido. O número 1 da lista provincial de Galicia en Común-Anova-Mareas ten estruturado na súa cabeza a radiografía dun Lugo cheo de “problemas candentes”: Alcoa, o desmantelamento dos servizos públicos, as deficiencias nas infraestruturas… Presume de ser natural de Cospeito, “dunha familia de labregos que logo foron comerciantes”, e clama pola recuperación dun rural “con moitas potencialidades”.

Reverter a situación actual será posible, di, cunha importante mobilización “progresista” o vindeiro domingo 12 de xullo. Estes non son os primeiros comicios de Fernán Vello como candidato, que xa obtivera asento no Congreso dos Deputados como parte de En Marea. Agora, o de Anova cambia de escenario —o Parlamento galego—, pero di seguir poñendo o foco no mesmo punto: as persoas.


Como leva esta campaña estraña? Que sensacións ten de cara ao domingo?

É unha campaña rara, con menos medios e menos contacto coa cidadanía. Galicia en Común colleuna cunha actitude moi propositiva e construtiva.

Saíu elixido deputado de En Marea no Congreso no 2015 e no 2016. Que aprendeu daquela etapa que lle poida servir agora se é escollido polos lucenses para o Parlamento galego?

Para min esa etapa foi un auténtico máster. Permitiume non só coñecer os problemas candentes e urxentes da provincia de Lugo, senón tamén levar eses problemas ao Congreso para procurar solucións políticas, moitas veces a través de pactos. Sen dúbida, no caso de ser elixido para o Parlamento de Galicia, entro xa cunha bagaxe e unha experiencia que permitirá que o traballo que realice por Lugo sexa máis eficaz.

“O DEPUTADO DE GALICIA EN COMÚN POR LUGO, CHAVE PARA a maioría da ESQUERDA”

O certo é que as enquisas non son moi esperanzadoras para Galicia en Común na provincia de Lugo. 

Hai diferentes enquisas. Nalgunhas si que saio deputado por Lugo, mesmo con máis porcentaxe de intención de voto. Coido que Galicia en Común vai ser a forza decisiva para que Feijóo perda a maioría absoluta no Parlamento, e o deputado por Lugo pode ser unha das chaves necesarias para que se consume esa maioría da esquerda.

Hai que mobilizar o voto progresista: facer un chamamento á xente nova, que tanto leva sufrido nestes once anos (o paro, a migración…) Que a xente acuda a votar e mire polo seu futuro e o dos seus fillos. Tamén hai que activar a conciencia no rural, pensar nos coidados, nos servizos, na sanidade ou na educación.

Eu sempre poño o CEIP Frei Luís de Granada, en Sarria, como unha metáfora do estado da educación en Lugo. Neste centro tiveron que apuntalar as aulas; as portas estaban desencaixadas; as fiestras, podres.  Está arruinado e leva así moitos anos.

No debate provincial organizado pola CRTVG a semana pasada, a sanidade foi precisamente un dos temas nos que máis insistiu vostede. Falaba, por exemplo, do peche do consultorio de Parga ou de reducións de servizos no hospital de Monforte. Como reverter unha situación que considera tan negativa?

O estado do sistema sanitario en Lugo é realmente preocupante. Elimináronse as áreas sanitarias da Mariña e de Monforte. Hai problemas de asistencia pediátrica ou neumolóxica en Mondoñedo, en Cervo, no Saviñao… Está tamén o caso do hospital de Monforte, onde falta material, ou o de Parga, no que os veciños se organizaron pola brutal redución dos servizos médicos. A sociedade actívase en defensa dos seus dereitos, porque a sanidade non pode ser obxecto de negocio nin de lucro. Non pode converterse nunha mercadoría, como aconteceu nos once anos de goberno de Feijóo co seu modelo privatizador. Por iso a nosa defensa é pechada: sanidade e educación pública universal, gratuíta e inclusiva.

“ALCOA, UN CRIME ECONÓMICO; A XESTIÓN DO REBROTE, UN CRIME SANITARIO”

A MARIÑA, NO PUNTO DE MIRA DA CAMPAÑA

Outra cuestión pola que a sociedade luguesa se mobiliza é Alcoa. Galicia en Común aposta pola intervención. Como se levaría isto á práctica? Por que non se está avanzando xa nesta vía se hai unha coalición de goberno en Madrid con presenza de Unidas Podemos?

Nós propoñemos unha intervención pactada que se encamiñe a unha nacionalización de Alcoa, algo perfectamente asumible no espazo constitucional actual e no espazo económico da Unión Europea. Eu poño como exemplo o caso de Alcoa Cerdeña. Alí o Estado e o goberno autonómico interviron e salvárona.

Para iso, a Xunta de Galicia, que ten competencias plenas en Industria, ten que deixar de estar de perfil. Feijóo e o conselleiro de Industria non poden agochar máis a cabeza baixo terra, coma as avestruces, para non ver a realidade. Ten que haber vontade política. A Xunta, en primeira instancia, ten que sentarse a falar co Goberno central para procurar unha solución inmediata. Negociar e dialogar, non deixalo para o último momento.

Xosé Manuel Beiras no mitin de Lugo con Miguel Anxo Fernán-Vello / @xmbeiras

A Mariña tamén está sendo punto de mira da campaña por mor do rebrote de coronavirus. Cal é a diagnose da xestión da Xunta neste aspecto?

A xestión é nefasta, unha falta de respecto absoluta aos cidadáns. Co tema de Alcoa hai un crime económico sobre unha comarca; con isto, un crime sanitario. Os recortes matan, como dixo Beiras no 2012. A Xunta mirou para outro lado dende o inicio do rebrote e non activou un protocolo de actuación. Ademais, a TVG e a Radio Galega ocultaron a situación. Polo tanto, a Xunta actuou tarde, mal e a rastro. A día de hoxe, na Mariña hai moita incerteza e mesmo medo.

En que se vai traducir ese medo o vindeiro domingo?

Ten que provocar unha reacción de mobilización por parte dos cidadáns que sofren as consecuencias da irresponsabilidade política da Xunta e da Consellería de Sanidade. Coido que se ten que traducir nun voto masivo que castigue de vez o Partido Popular.

“impulsarei o triángulo do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, o Castro de Viladonga e a Torre de Caldaloba”

UN LUGO CONECTADO ENTRE SI E CO MUNDO

As deficiencias nas conexións ferroviarias en Lugo son outra constante, unha eterna demanda en períodos de campaña e fóra deles. Que propón Galicia en Común para recuperar estes servizos? Cal debe ser a postura da Xunta?

Lugo é unha provincia maltratada e esquecida en canto a infraestruturas: a falta de conexións e frecuencias ferroviarias, o desmantelamento da antiga FEVE,  o pésimo estado das estradas interiores, a pouca claridade sobre  a chegada do AVE…  Na  Mariña existe a liña ferroviaria de ancho métrico. Haberá que mellorar a calidade dos materiais e máquinas obsoletas que provocan fallos e retrasos nela continuamente. En definitiva, precísase unha maior dotación orzamentaria para crear liñas de tren que estean á altura dos tempos nos que estamos.

O tempo que vén ha deixar paso seguramente a outro tipo de turismo. Lugo ten potencial neste aspecto. A Ribeira Sacra é finalista para ser Patrimonio da Humanidade no 2021, por exemplo. Algunha proposta encamiñada a promover o turismo sostible?

A Ribeira Sacra é emblemática, igual ca o Courel ou Os Ancares. Son focos de atracción para un turismo sostible, verde, de calidade e respectuoso co medio ambiente. Pero tamén o é a Terra Chá, e non está posta en valor neste sentido. Se Galicia en Común chega ao goberno, comprométome a impulsar o triángulo formado polo Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, o Castro de Viladonga e a Torre de Caldaloba. É moi atractivo e reforzaría a economía local.

“En Lugo houbo colas da fame! a caridade non pode ser un estado de normalidade”

Por último, unha cuestión máis práctica. Se cadra o electorado ten un pouco de lío na cabeza con tanto partido de esquerda e tantas siglas. Que distingue a Galicia en Común-Anova-Mareas do BNG ou da Marea Galeguista?

Feijóo, que agocha as siglas do Partido Popular, fala de ‘Galicia, Galicia, Galicia’. As tres forzas de esquerda (GeC, PSdeG e BNG) son esas tres Galicias: as Galicias progresistas. O que diferenza a Galicia en Común é que pon o foco dun xeito directo nas veciñas e nos veciños, nos servizos sociais, sanitarios e educativos de carácter público. Ten máis sensibilidade no aspecto social inmediato das persoas.

E eu son nacionalista, claro, mais son tamén republicano. A miña patria é Galicia, pero iso xa o dou por sabido, e por iso digo que a miña verdadeira patria son as persoas. Sempre me moveu moito a xente humilde, a pobreza. E ollo cos índices de pobreza de Lugo! En Lugo houbo colas da fame! O señor Feijóo debera comparecer inmediatamente ao ver iso nas pantallas da televisión e procurar solucións inmediatas. Non vale a caridade. Recoñezo o traballo de colectivos neste sentido, pero non se pode manter a caridade como un estado de normalidade. É indignante!

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...