InicioPolíticaO debate electoral de Lugo para o 12-X: as residencias de maiores...

O debate electoral de Lugo para o 12-X: as residencias de maiores e Alcoa como protagonistas

As candidatas e candidatos provinciais do PPdeG, PSdeG, Marea Galeguista, BNG, Galicia en común, Ciudadanos e Vox aceptaron o convite da TVG. O encontro, emitido en horario de baixa audiencia, pode verse agora na web.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Logo do debate electoral da noite do pasado luns, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) organizou catro debates provinciais de cara aos comicios autonómicos do 12 de xullo. As sete principais candidatas e candidatos pola circunscrición de Lugo participaron neste encontro, protagonizado pola situación de Alcoa e polo modelo de xestión das residencias de maiores. 

O debate, moderado polo xornalista Francisco López Iglesias, foi gravado o 30 de xuño e a TVG escolleu as dez da mañá de hoxe para a súa emisión [preme aquí para velo], unha decisión criticada polo colectivo de traballadores ‘Defende a Galega‘. Precisamente, esta plataforma que reivindica a independencia da TVG estivo presente no debate xa dende o minuto de apertura, con apoios explícitos de Miguel Anxo Fernán Vello (Galicia en Común-Anova-Mareas) ou Patricia Otero (PSdeG).

Esa primeira intervención de cada candidato serviu como termómetro para o resto do debate. A tranquilidade de Elena Candia (PPdeG); a contraposición de xestión no discurso de Patricia Otero (PSdeG); unha perspectiva diferente e ambiental na participación de Iván Rodríguez Lombardero (Marea Galeguista); unha imaxe de preparación e ilusión de Olalla Rodil (BNG); unha sensación de certa incomodidade e pouca naturalidade nun José Ángel Gómez (Ciudadanos); e un calco de Sonia Teijeiro (Vox) do discurso que xa vimos por parte do seu candidato o pasado luns.

OS SERVIZOS PÚBLICOS EN LUGO

Nun debate que arrincaba demasiado insulso, o moderador animou os participantes a contrapoñer as ideas para darlle un maior ritmo, cousa que chegou ao falaren sobre a situación das residencias de maiores, foco da pandemia e da súa xestión. A cuestión virou intensa ao cruzárense acusacións sobre a creación de prazas públicas nestes centros da terceira idade.

Mentres que os partidos de esquerda lle afeaban a Candia a nula actuación autonómica durante os 11 anos de goberno de Feijóo, a popular defendíase con ataques de volta: “É probable que o PSOE poida dar leccións, pero en crear prazas públicas nas residencias de Lugo suspendeu sen chegar ao 1’5”, chantou. “Gústanos defendernos con feitos, non con palabras”.

Xustamente eses feitos foron aproveitados polos candidatos do PSdeG, Marea Galeguista, Galicia en Común e BNG para contestarlle ao PP e exemplificar os “recortes” e o “desmantelamento” dos servizos públicos na provincia. Así, tiveron o seu oco no debate o peche dos centros de saúde de Parga ou de Castro, os “problemas moi serios” no Hospital de Monforte pola falta de persoal, a deficiente cobertura de pediatras en concellos como Mondoñedo e Lourenzá ou, directamente, a perda das áreas sanitarias de CervoLemos.

A candidata socialista, Patricia Otero, tamén mencionou o caso de malos tratos na vivenda comunitaria de Burón (A Fonsagrada) e aproveitou para acusar a Xunta de “facer caso omiso” nun primeiro momento.

O OUTRO GRAN TEMA: ALCOA

Deseguido, estaba previsto outro bloque temático de carácter económico que, como era de agardar, xirou en torno á problemática de Alcoa San Cibrao. Con tres cabezas de lista naturais da Mariña —Patricia Otero, Rodríguez Lombardero e Candia—, foron habituais as referencias ao coñecemento “próximo” da situación que atravesa a bisbarra.

A importancia desta cuestión radica en que Alcoa supón máis do 30% do PIB lucense, segundo lembraron varios candidatos, un peso tan grande que é visto case coma un perigo pola Marea Galeguista. “Necesitamos unha industria alternativa, eficiente e que aposte pola transformación dos produtos do agro e forestal“, sinalou Lombardero, non sen defender unha “intervención temporal” da fábrica  —”non unha nacionalización eterna”— para garantir a súa continuidade e o emprego de case 1.000 traballadores (entre os da planta e as auxiliares).

Olalla Rodil, polo BNG, tamén foi clara neste sentido: “É urxente unha intervención. O primeiro que faremos se gobernamos é poñer unha porcentaxe de participación pública da Xunta de Galicia enriba da mesa”. E é que foron continuos os comentarios para lembrar que a Administración autonómica ten competencias exclusivas en materia industrial. “Tan tranquila non terán a conciencia cando o señor Feijóo non se atreve a poñer un pé na Mariña“, deixou caer a de Ribeira de Piquín.

AS CULPAS CRUZADAS

Fernán Vello (GeC), que mesmo amosou en pantalla un chaleco reflector en sinal de apoio aos obreiros, tamén se mostrou partidario da intervención. Pola súa parte, José Ángel Gómez, de Ciudadanos, centrouse na problemática dos prezos eléctricos, un argumento que tamén foi empregado por Elena Candia durante a súa intervención. Para ela, o verdadeiramente urxente, dixo, é a aprobación do estatuto das electrointensivas coas alegacións acordadas no seu momento.

Deixou así a bóla no tellado do PSdeG e Otero recolleuna con louvanzas á xestión do  seu partido: “O problema de Alcoa agora mesmo non é tanto un problema de tarifa eléctrica como de deslocalización. E o goberno de Sánchez foi o primeiro que puxo enriba da mesa o estatuto”, subliñou. Engadiu que “non é o momento de falar de nacionalización ou non nacionalización, senón de centrar os esforzos en facer retirar o ERE á empresa, a culpable desta situación“.

“Por que non o fixeron xa?”, preguntábase a candidata do partido de ultradereita, Sonia Teijeiro, cuxas intervencións foron completamente en castelán agás para despedirse.

CUESTIÓNS NO TINTEIRO

O encorsetado debate —en forma e en tempos— non permitiu tocar moitos máis asuntos trascendentais neses 60 minutos de reloxo. Fóra quedaron outras problemáticas como, por exemplo,  as eivas no servizo ferroviario de Lugo. O tren da campaña —ese si— segue en marcha.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...