ACE e o Concello enléanse pola pasarela do Anxo Carro

O voceiro de ACE insinuou que o proxecto podería implicar malversación de caudais públicos no Concello de Lugo, onde falan de "alarmismo"

Zona na que está proxectada a pasarela peonil do Anxo Carro | ACE-EU
Zona na que está proxectada a pasarela peonil do Anxo Carro | ACE-EU

As irregularidades na aplicación dos fondos europeos son a cerna da estratexia de fiscalización de Alternativa Cidadá de Esquerdas en Lugo. Esta fronte de confrontación estaba centrado no seguimento da situación do Camiño Primitivo, que atravesa a cidade e carece de protección específica no plantexamento urbanístico. Así e todo, o partido representado por Carlos Portomeñe deu un paso máis ao axitar a pantasma da corrupción no proxecto de pasarela para o Anxo Carro, a financiar polos orzamentos comunitarios.

O delicado encaixe da Estratexia Europea de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) está supeditado ao respecto ao patrimonio cultural e natural da cidade, que conta cun desenrolo urbanístico validado de xeito parcial en 2011 e atravesado pola Muralla, o Camiño e o río Miño. Asemade, debe seguir criterios de gasto racional, que xustifique os usos da intervención.

Ata o de agora, ACE centrara a súa crítica en dous puntos que afectan á integración do Camiño Primitivo: a non modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e a necesidade da autorización da Xunta de Galicia para aplicar a EDUSI en Lugo. Así e todo, a formación coligada con Esquerda Unida atopou o casus belli no proxecto de pasarela peonil para o Anxo Carro, que obtería financiamento desa liña europea de subvencións.

Logo de acceder á documentación, dende Alternativa Cidadá de Esquerdas sinalan que o estudo de viabilidade deste proxecto concluíu que non é axeitada a execución da pasarela nestes momentos. Segundo argumentan, o goberno local ocultou este informe e proseguiu co proxecto, a pesar de que os técnicos asumen que a construcción non suporá unha alternativa real aos pasos xa existentes. Por mor disto, Portomeñe lanzou a hipótese de que podería existir un delito de malversación de caudais públicos e fraude de subvencións por parte do executivo socialista.

“A alcaldesa está timando á cidadanía de Lugo, ignorou deliberadamente os informes técnicos solicitados polo propio goberno local mediante un concurso público, do que xa tiña os resultados negativos dende o pasado 1 de decembro”, explicou o voceiro en rolda de prensa. E non se trataría só da idea, tamén dos traballos parciais xa encargados, coma “a redacción do proxecto constructivo, que xa custou 28.645 euros ás arcas do Concello”. Outra irregularidade, en teoría, sería que o custe anunciado dobrouse, pasando dos 450.000 euros iniciais a un custe estimado de 885.000 euros. “Unha obra mastodóntica absolutamente inxustificada”, asegurou Portomeñe.

Ubicación da pasarela peonil do Anxo Carro | Concello de Lugo
Ubicación da pasarela peonil do Anxo Carro | Concello de Lugo

A resposta do Concello perante estas acusacións foi igual de contundente. Os responsables municipais instan á formación a que aclare se existe ou non malversación, e que en caso afirmativo o denuncien perante o Xulgado. Asemade, no executivo censuran que ACE estivera en contra da adxudicación do proxecto á empresa INCA, que foi a que elaborou o estudo de viabilidade.

Por parte do goberno que lidera Lara Álvarez, a interpretación do informe é sesgada porque non inclúe outras informacións relevantes. Así, explican dende o Concello que o estudo non contempla ningún informe negativo, senón que apunta a que a execución da pasarela non se considera axeitada, na primeira alternativa, por afectar ao desenvolvemento urbanístico do sector S14R, na zona do aparcadoiro do Anxo Carro; e por non representar unha alternativa ao paso subterráneo, na segunda opción.

Porén, devandito paso “non funciona como cruce para peóns”, o que require a intervención policial para cortar o treito da N-VI afectado nos días de partido. Esta conclusión é compartida co Ministerio de Fomento, como remitiu este departamento por escrito en decembro de 2016. Por outra banda, o informe da arquitecta municipal especifica que o enlace a través do sector S14R non tería conexión cunha zona pública, polo que a alternativa válida é a que emprega a rotonda do centro comercial. “E así se recolle na acta da Comisión de Seguimento da Estratexia EDUSI, celebrada o 16 de febreiro, na que estivo presente o Voceiro de ACE”.

Acerca do aumento no investimento, fontes do Concello explican que o estudo preliminar non incluía a análise xeotécnica do terreo, que si foi presentado no último documento. Os custes engadidos da cimentación para a calidade da estrutura obrigan a orzamentar 880.000 euros. En canto á xustificación da pasarela peonil no Anxo Carro, o acceso aos fondos da EDUSI xa é garantía de viabilidade, posto que “é unha estratexia finalista” aprobada pola Unión Europea e validada polo Goberno central. “É un asunto que se tratou no Ministerio de Fomento e no que, de feito, non somos o único grupo político que o demanda”.

Mentres que en ACE denuncian que a tardanza do Concello por entregar o informe, solicitado en abril, amosaría que as conclusións de viabilidade son negativas, dende o goberno local replican que xa están acostumados “aos escenarios apocalípticos” plantexados por esta formación “onde todos somos corruptos”. Polo de agora, ACE esixirá a convocatoria inmediata da comisión de seguimento da EDUSI para recibir máis explicacións, e elevará este asunto ao grupo parlamentar europeo.

En Ciudadanos insisten na idea de que non existe aval técnico nin autorización de Fomento. “Nin sequera defende a funcionalidade a empresa que fixo o proxecto”, asegurou a voceira Olga Louzao. O partido laranxa fala de “proxecto inútil” e insta a solicitar ao Ministerio o soterramento da N-VI na zona da Cheda, “tal e como se aprobou no último pleno a proposta de Ciudadanos”. Louzao subliñou que esta alternativa solucionaría de xeito definitivo a conexión de Lugo co Miño ao eliminar a barreira física que supón a estrada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here