Gonzalo Caballero criticou o “abandono rural” de Feijóo durante unha visita á Fonsagrada

O líder do PSdeG reuniuse esta mañá con varios socialistas no Consistorio fonsagradino. Pídelle a Feijóo "orzamentos e compromisos" para reverter a tendencia demográfica dos últimos anos. O PP critica que Caballero use dependencias públicas "para facer actos de partido".

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, con outros cargos socialistas na Fonsagrada | PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de “papel mollado” o anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Durante a súa visita á Fonsagrada, o socialista manifestou a necesidade de ter “orzamentos e compromisos” para reverter o “abandono rural” do que acusa á Xunta.

“O propio Consello Económico e Social (CES) acáballe de dicir que a revitalización demográfica non se soluciona con formulacións xenéricas nin con aprobacións de leis”, manifestou o xefe de filas dos socialistas galegos despois de que este órgano emitise un ditame no que considera necesario unha maior “concreción” do texto.

Respecto diso, Gonzalo Caballero sostivo que o que se necesitan son “orzamentos, compromisos, incentivos positivos para a poboación, para a actividade económica…”. “Un conxunto de medidas transversais que Feijóo non fixo ao longo de 11 anos e que vai prometer facer en cinco meses”, censurou.

“DEIXA A GALICIA CON MENOS POBOACIÓN”

O dirixente socialista pronunciouse deste xeito nunha visita á Fonsagrada, na que denunciou o “abandono do rural” por parte do Goberno do Partido Popular. Criticou o balance “profundamente negativo” dun Feijóo que deixa a Galicia con “menos poboación, peores servizos sociais, menos actividade económica, menos posibilidades de futuro para a xente nova”. “Un diagnóstico moi preocupante para a Galicia do futuro”, indicou.

“Feijóo prometeu unha lexislatura do rural e abandonou o rural”, insistiu Caballero, que atribuíu a esta actitude o peche do paridoiro de Verín. “Millóns de cidadáns en toda España están coa boca aberta escoitando como Feijóo recorta e desfai servizos sanitarios en todas as provincias”, indicou antes de asegurar que os socialistas na Xunta impulsarán o desenvolvemento rural.

CRÍTICAS DO PP

Tras a visita de Gonzalo Caballero á Fonsagrada, o PP de Lugo emitiu un comunicado no que lle pediu ao PSOE “máis respecto” e “humildade política” despois desta visita á Fonsagrada. Critican o “encontro partidista” e pediulle ao PSdG que “non volva empregar unha administración pública”, como son as dependencias do Concello, “para facer actos de partido”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here