InicioPolíticaO PP reclama a Fomento que "constrúa e financie" a intermodal de...

O PP reclama a Fomento que “constrúa e financie” a intermodal de Lugo

O PSdeG tacha a proposta do PP de "mascarada" e cúlpao de "atrasar os avances".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Parlamento de Galicia instou o Ministerio de Fomento a asinar o convenio proposto pola Xunta para a construción da estación intermodal da cidade de Lugo que conte cun aparcadoiro subterráneo “que cubra as súas necesidades”.

A través dunha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular na Comisión 2ª celebrada na mañá deste mércores, a Cámara reclamou ao Goberno central que “constrúa e financie” a nova terminal e que asuma “o máis axiña posible” o convenio proposto pola Xunta e que, polo momento, tampouco foi asinado polo Concello de Lugo.

A iniciativa saíu adiante grazas aos votos do grupo maioritario, o popular, mentres que Común da Esquerda e BNG optaron pola abstención. Por contra, os socialistas expresaron o seu rexeitamento a unha proposta que tacharon de “mascarada” coa que, segundo o deputado Luís Álvarez, buscan tapar que é o PP “quen tenta atrasar os avances” na construción da intermodal.

Na súa intervención, a deputada do PPdeG Encarna Amigo asegurou que “existen razóns para asegurar” que o novo goberno de coalición no Estado entre o PSOE e Unidas Podemos baixo a presidencia de Pedro Sánchez “pode ser un freo ao desenvolvemento desta infraestrutura”.

Así as cousas, instou o Goberno central a asumir a proposta de colaboración da Xunta para o desenvolvemento da estación intermodal que xa está en marcha noutras cidades galegas e que consiste en que o Estado asume os custos da estación de ferrocarril, o Goberno autonómico a de autobús e o concello a adecuación de accesos.

“O Goberno de Pedro Sánchez non só está a dilatar a firma do protocolo de colaboración entre as distintas administracións para a execución da estación intermodal, senón que ademais pretende incumprir varios dos compromisos”, asegurou Amigo, en referencia á construción do aparcadoiro baixo terra.

OPOSICIÓN

Durante a súa quenda de intervención, o deputado socialista Luís Álvarez cualificou de “mascarada” a iniciativa dos populares aos que atribuíu “a paralización” do proxecto durante a etapa de Mariano Rajoy na Moncloa. “Esta é unha proposición non de lei para salvar ao soldado Ryan”, continuou o parlamentario socialista.

Neste punto tamén se detivo o deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez, para quen as administracións implicadas deben acordar dito convenio. Ademais, lamentou que proxectos como a da intermodal lucense reflictan “a falta de proxecto de país“.

Para Luís Bará (BNG), a construción da intermodal en Lugo “é empezar a casa polo tellado”, xa que suporía “ter unha macroestación sen trens” dadas as carencias que ten a capital provincial en materia de conexións ferroviarias.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...