InicioPolíticaO Bierzo reivindica os vínculos culturais con Galicia mentres León busca a...

O Bierzo reivindica os vínculos culturais con Galicia mentres León busca a autonomía

Que pensan os bercianos sobre o intento de segregar o Reino de León? Califícano de "practicamente imposible" e deixan constancia da "conciencia territorial" tan "específica" do Bierzo, que os "afasta" de León en favor de Galicia. "Se o BNG presentase aquí unha candidatura, sacaría máis votos ca os leonesistas", pensan.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A denominada “quinta provincia galega”, O Bierzo, olla con certa distancia os pasos que van dando en León no que respecta á reclamación dunha rexión propia para o vello Reino Leonés. Falan desa hipotética segregación coa case total seguridade de que nunca se vai producir. Aínda así, e por se acaso, non se esquecen de reivindicar as singularidades do territorio berciano e os nexos socioculturais que os vencellan a Galicia.

“En xeral, eu vexo que O Bierzo está pasando un pouco do tema”, dicía Xabier Lago Mestre, voceiro do colectivo cultural Fala Ceibe. “Cada certo tempo revitalízase a cuestión da segregación de León, pero son temas illados” que apenas teñen incidencia na súa comarca pola pouca relevancia obtida a nivel político, segundo comenta.

UNHA UTOPÍA

Ademais, Lago non ten moi claro que O Bierzo saíse beneficiado dese proceso, impulsado dende o Concello de León por Unión del Pueblo Leonés (UPL) co apoio de PSOE e Podemos. “Dende León miran de reollo as nosas reivindicacións sobre o galego ou as nosas peticións dunha maior autonomía”, lamenta. “Aínda que eles conseguisen segregarse, seguro que non admitían a recuperación da provincia para O Bierzo”.

Algo semellante pensa Pedro Muñoz Fernández, o presidente de Coalición por El Bierzo: “León quéixase de Valladolid; Valladolid quéixase de Madrid; e Madrid quéixase de Europa. Nós queixámonos no último chanzo, porque saímos agraviados pola relación con León e Valladolid”. O líder da formación bercianista sostén que eles “tampouco están a gusto na Comunidade Autónoma de Castela e León”, pero iso non significa que apoien decididamente a proposta dos leonesistas.

“Con todo o que está ocorrendo no país, non creo que sexa o momento máis oportuno”, afirma Muñoz, que insiste repetidamente en que o que se pide dende León “nada ten que ver” co caso catalán. “Non queren a independencia, senón a segregación” das tres provincias que formaban o antigo reino de León: o propio León, Zamora e Salamanca. Iso veno “practicamente imposible” dende o partido de Muñoz.

CONCIENCIA TERRITORIAL QUE OS ACHEGA A GALICIA

Aínda así, dentro desa “utopía” cabe lugar para encaixar as demandas propias. O colectivo Fala Ceibe ten claro que “se esa hipotética separación fose para adiante, O Bierzo volvería poñer en primeiro lugar a súa propia segregación”. Iso implicaría, primeiramente, a reivindicación dunha provincia para O Bierzo para, a continuación, formular nun referendo a posibilidade de integrarse na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa banda, a prioridade de Coalición por El Bierzo, a tal momento, é formar parte das institucións e responder con “proximidade” ás singularidades desa comarca. Son particularidades culturais, sociolóxicas, políticas e mesmo xeográficas, din, as que provocan que nesta área exista unha “conciencia territorial moi específica dende hai séculos”, segundo afirmaba Xabier Lago.

Ao seu parecer, iso “afástaos” de León, malia que a súa dependencia administrativa é “incuestionable”. Pola contra, considera que “os vínculos con Galicia aínda son moi fortes” e cita, a modo de exemplo, a resistencia da lingua galega nesta comarca estremeira.

“O BNG SACARÍA MÁIS VOTOS CA OS LEONESISTAS”

“Somos case máis galegos ca castelán-leoneses”, opinaba o presidente de Coalición por El Bierzo. Pedro Muñoz coida que existe “un sentimento colectivo de pertenza e vínculo a Galicia” ata o punto de estar “convencido” de que “se o BNG presentase unha candidatura no Bierzo, sacaría máis votos ca os leonesistas”. “Sería visto con mellores ollos”, asegura.

A pesar de que se poderían mellorar moitos asuntos para favorecer a interrelación entre territorios —”por exemplo, as vías de comunicación”—, Muñoz cre que as conexións entre o pobo berciano e o galego se reflicten ata en anécdotas diarias. “Temos Asturias ao lado, pero os do Bierzo sempre veraneamos en Galicia. Imos polas Rías Baixas e ímonos saudando uns a outros pola rúa”, relata.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...