A alcaldesa de Lugo celebra que o PSOE se mantén como a forza máis votada na cidade

Lara Méndez intrerpreta que "a xente segue querendo" que os socialistas "sigan liderando os proxectos de goberno".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez / EP.

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, destacou este luns que o PSOE se mantén como “a forza máis votada” na cidade, con 17.118 votos, e superou en 21 ao PP, o que lle serviu para interpretar que “a xente segue querendo” que os socialistas “sigan liderando os proxectos de goberno”.

Ademais, aludiu ao descenso de apoios. “Unha baixada de participación que afecta á esquerda porque a dereita se retroalimentou de si mesma para baixar dun lado e subir doutro”, considerou.

“A abstención a quen lle prexudica sempre é aos partidos de esquerda, e así se viu nesa baixada de participación (nas xerais de onte). En todo caso seguimos liderando (os socialistas) eses proxectos de futuro e de cambio (tras as eleccións deste domingo)”, apostilou.

Sobre o ascenso de Vox, a alcaldesa de Lugo atribuíuno a que a “dereita se retroalimentou de si mesma, e aqueles votos que perdeu un partido de dereitas como é Ciudadanos recaeron nos outros dous partidos de dereitas que son o PP e a ultradereita”.

“Quen máis subiu foi un partido de extrema dereita que se estivo branqueando pola propia dereita, permitíndolle entrar en distintos gobernos (Madrid e Andalucía, entre outros) incluso poñéndolle alfombras vermellas para que desde as administracións comecen a levar a cabo políticas que cando menos son discutibles ou alegais, mesmo rozando a inconstitucionalidade”, lamentou.