InicioPolíticaJosé Tomé destaca "a volta á normalidade" na Deputación de Lugo que...

José Tomé destaca “a volta á normalidade” na Deputación de Lugo que aprobou un orzamento de 92 millóns de euros

O tamén alcalde de Monforte puxo o foco na "recuperación do diálogo, a tranquilidade e a normalidade" na institución co arranque deste novo mandato.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destacou a “recuperación da normalidade” na institución tras un mandato, o anterior, marcado polas desavinzas co exvicepresidente provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, quen foi expulsado do Partido Socialista polo seu enfrontamento co anterior titular da institución, Darío Campos.

O socialista José Tomé estreouse como presidente da Deputación de Lugo na comisión de orzamentos na que, ao longo deste xoves, os titulares dos gobernos provinciais –con excepción da pontevedresa Carmela Silva– informaron sobre as contas das súas institucións para o próximo ano.

O orzamento da Deputación de Lugo que ascenderá a 92 millóns de euros, tres máis que nos do presente ano 2019. Tomé resaltou como liñas principais das contas para 2020 as vías de financiamento para os concellos a través do Plan Único (20 millóns de euros), as obras de mellora na rede viaria de titularidade provincial (“a máis extensa” de España) e as partidas destinadas a impulsar o sector primario e o turismo.

Durante a súa intervención, o tamén alcalde de Monforte puxo o foco na “recuperación do diálogo, a tranquilidade e a normalidade” na institución co arranque deste novo mandato. Como exemplo diso, sinalou que o 62% dos acordos aprobados no pleno provincial nos primeiros meses foron por unanimidade dos grupos.

Un destes acordos unánimes da cámara provincial foi para proceder á disolución de Suplusa, a sociedade do chan provincial que presidía o citado Manuel Martínez. Coa eliminación deste ente, segundo Tomé, a deputación “adelgazará a súa estrutura optimizando recursos económicos e humanos”.

CENTROS DE MAIORES

Así, José Tomé propuxo ante a Cámara que a Xunta poña en marcha a integración das residencias públicas de titularidade provincial na rede autonómica de centros de atención a persoas maiores en virtude do cumprimento do Estatuto de Autonomía, que atribúe ao Goberno galego as competencias en asistencia social.

“Estamos en disposición de negociar esta proposta co Goberno galego. Espero que o presidente da Xunta sexa tan sensible cara a esta como o é coas propostas que lle fixo a Fundación Amancio Ortega, ao que, sen ningunha dubidade, hai que agradecer a súa xenerosidade”, remarcou o presidente provincial.

PLAN ÚNICO E EMPREGO

Doutra banda, o presidente provincial tamén destacou que os orzamentos de 2020 recollen unha partida de 4 millóns de euros para plans de emprego e outros 20 millóns para o plan único, que establece “unha repartición transparente, equitativo e xusto” a través de “criterios obxectivos” entre os 67 concellos lugueses.

Neste punto, Tomé instou á Xunta a articular un instrumento similar para a repartición de axudas aos concellos “eliminando a política discrecional na repartición de fondos públicos”.

GRUPOS POLÍTICOS

Por parte dos grupos, o popular Daniel Veiga afeou ao presidente provincial que presuma de “recuperar a normalidade” na deputación cando “o que habían eran pelexas” entre o propio Partido Socialista, cuxos “problemas” foron “trasladados” á institución.

Na súa resposta, Tomé acusou aos populares de ser responsables, xunto con Manuel Martínez, da situación vivida na institución o últimos catro anos por pactar “cousas infumables” co rexedor becerrense. “Ou é que os de Lugo somos parvos? Algún pode ser, pero todos non”, espetou.

O deputado do PP tamén instou a Tomé a practicar “menos electoralismo e máis pragmatismo” para que a deputación leve a cabo “unha colaboración institucional verdadeira”. “Os socialistas sempre van facer, pero nunca concretan cando ou como o van a facer”, apostilou.

Polo PSOE, o parlamentario Luís Álvarez encomiou unhas contas provinciais “deseñadas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso do emprego”, á vez que apoiou a demanda do presidente lugués sobre as residencias de maiores ante “o abandono sistemático da Xunta” para dotar de prazas a Lugo, “unha provincia cada vez menos poboada e máis envellecida”.

Antón Sánchez (Común da Esquerda) botou en falta unha crítica do presidente provincial ás partidas para Lugo recollidas nos orzamentos da Xunta para o próximo ano 2020, que o tamén portavoz de Anova considera “insuficientes” para facer fronte aos problemas da provincia.

Para Noa Presas (BNG), a responsabilidade de que Lugo sexa a provincia con menos residencias para a terceira idade recae na Xunta, que “non fixo os deberes” para articular unha rede no territorio lucense. Por último, Paula Vázquez Verao (En Marea) reclamou que determinados concellos da provincia sexa “discriminados positivamente” para tratar de reverter a tendencia ao despoboamento.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...