Lara Méndez sobre o peche da causa sobre O Garañón: “Tiña que chegar hai oito anos”

A alcladesa de Lugo asentiu sobre a pregunta de se esta lexislatura será a do derrube do Garañón para seguidamente engadir que "hai un obxectivo claro e unha decisión clara".

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez.

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, comprometeuse este xoves a que ao longo do presente mandato derrubarase O Garañón, unha urbanización aos pés do parque Rosalía de Castro que foi paralizada xudicialmente e cuxa causa pechou este mércores a xuíza Pilar de Lara, que sinala como procesados ao exrexedor Xosé López Orozco e ao expresidente da Deputación provincial José Ramón Gómez Besteiro.

Antes dunha sesión plenaria, Méndez, a preguntas dos xornalistas sobre se este sería o mandato en que se van a tirar estas torres, asentiu para seguidamente engadir que “hai un obxectivo claro e unha decisión clara”.

“Nós queremos tirar o Garañón e queremos que iso sexa unha zona verde e baixo esa premisa seguiremos traballando, pero sempre cumprindo coa legalidade vixente e preservando os dereitos de todas as partes implicadas”, explicou.

Sobre o auto de peche da causa, Méndez sinalou que “isto tiña que chegar hai oito anos, non pode ser que un procedemento, unhas dilixencias previas ábranse en 2011 e finalicen oito anos despois, que o único que impediu foi que se puidesen defender (os investigados)”.

SOLUCIÓN

Os nacionalistas, socios de goberno co PSOE na cidade das murallas, pronunciáronse a través do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que antes de nada quixo “ser respectuoso co que ditamine a Xustiza”. “E, sobre todo, o que queremos é que se solucione canto antes para que o Garañón poida desaparecer, poida recuperarse a legalidade neses terreos e os veciños e veciñas de Lugo podamos gozar do parque de Rosalía como era en tempo”, abundou.

Finalmente, na liña de Lara Méndez, espera que este “sexa o mandato” decisivo para derrubar as torres, o que non dubida que “sería unha boa noticia para a cidade”. Por parte da oposición, o portavoz do Partido Popular, Ramón Carballo, insistiu en que o seu grupo se “alegra de que esta macrocausa que puxo a imaxe de Lugo deteriorada no mapa político e no mapa de España que estea a chegar ao seu fin“.

“Isto é o que sempre defendeu o PP, que aí había irregularidades nese procedemento e, por tanto, sendo respectuosos coa Xustiza e coa presunción de inocencia, ponse de manifesto que houbo irregularidades, e a alcaldesa despois de cinco anos non fixo nada para devolver esa situación á legalidade a pesar de haber unha sentenza que así o pedía”, subliñou.

Mentres, a portavoz de Ciudadanos, Olga Louzao, puxo de relevo que sabían “que isto ía saltar dun momento a outro, sabendo que a xuíza Pilar de Lara estaba nunha situación complicada”, pola sanción do.

“Sabemos que o tema do Garañón é un asunto moi complicado, un asunto de cidade que precisa un consenso municipal e agora hai esperar o que dita a Fiscalía, pero sempre respectando a presunción de inocencia”, concluíu.