Elena Candia avoga por “sumar” na provincia de Lugo e di que a súa responsabilidade é coa provincia

A presidenta do PP provincial declarou que "a miña responsabilidade e a dos meus compañeiros está moi concretada nunha provincia, que é á que nos debemos nos nosos respectivos concellos".

Elena Candia, PP de Lugo.

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, evitou pronunciarse sobre a idea promovida polo seu partido no ámbito nacional e co respaldo do secretario xeral popular, Teodoro García Egea, de crear plataformas que incorporen a outros partidos como Ciudadanos ao amparo da marca España Suma, á vez que insistiu en que a súa responsabilidade está na súa provincia.

A tamén alcaldesa de Mondoñedo apelou a que en Lugo teñen que “sumar”. “E esa é a nosa estratexia de traballo e hoxe neste pleno tentamos sumar”, afirmou antes de entrar no pleno da Deputación provincial sobre residencias.

A miña responsabilidade e a dos meus compañeiros está moi concretada nunha provincia, que é á que nos debemos nos nosos respectivos concellos, e as responsabilidades a nivel nacional osténtana outros compañeiros que evidentemente terán o noso apoio nas súas decisións, tanto a nivel galego como a nivel nacional”, explicou ao ser preguntada sobre se cabía a posibilidade de que se sumase a esa iniciativa o PP lucense.

Candia incidiu en que desde Lugo seguirán “traballando, sumando e construíndo”. “É para o que nos apoiou a xente, que a pesar de todas as circunstancias non só nesta institución, senón na provincia seguimos tendo unha marca e os resultados para seguir traballando e construíndo unha provincia mellor“, abundou.

Ao ser interpelada que a nivel autonómico a resposta do líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, foi rexeitar dita denominación, Candia limitouse a dicir que ela “non” debía de facer “ningún pronunciamento respecto diso”. “Creo que me debo a Lugo”, sentenciou.