“A caixa da Deputación ten un límite”, así que pídenlle á Xunta que se encargue das residencias de maiores

O ente provincial seguirá adiante cos "proxectos comprometidos", pero cre que para evitar quedar sen orzamento, cómpre que a Xunta asuma as súas competencias.

A residencia da Fonsagrada / Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo deixará de construír residencias para maiores na provincia máis aló das que están expostas na actualidade, que ascenden a máis dunha ducia. Neste sentido, reclamaron á Xunta que asuma as súas competencias neste sentido e que se faga cargo destes servizos.

O portavoz do BNG na deputación, Efrén Castro, lembrou este luns que esta premisa forma parte do pacto subscrito co grupo socialista para conformar un goberno bipartito na institución provincial. Trátase, segundo explicou, dun “mero tema de viabilidade” para así evitar que a Deputación quede “sen orzamento para actuar noutros campos”. É por iso que reivindica que “a Xunta asuma as súas competencias, para que os maiores estean nunha boa disposición”.

Efrén Castro demanda á Xunta que se faga cargo das residencias para a terceira idade nunha provincia “moi envellecida” e insiste en que “a caixa da Deputación ten un límite”. “A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade e mirar polos maiores, que é importantísimo”, insistiu.

Deste xeito romperá cunha liña de acción impulsada polo presidente José Ramón Gómez Besteiro e que tivo continuidade durante a lexislatura pasada con Darío Campos. A pesar diso, continuarase cos plans de residencias xa construídas e deseñadas, máis dunha ducia en toda a provincia, xa que sería “moi irresponsable” dar marcha atrás con proxectos xa “comprometidos”.