PP e C’s rompen a coalición no Corgo poucas semanas despois de acordala

O alcalde popular, Felipe Labrada, acusa o portavoz laranxa, Javier Vila, de tentar usurpar competencias que non lle correspondían. Asegura que os desencontros non teñen nada que ver cos salarios.

Casa do Concello do Corgo / herbronce.es

Apenas unhas semanas durou o goberno bipartito formado polo Partido Popular e Ciudadanos no concello do Corgo. Segundo o rexedor, Felipe Labrada, a coalición quedou rota antes do primeiro pleno ordinario do mandatoporque o portavoz municipal de C’s, Javier Vila, tentou usurpar as funcións propias da Alcaldía.

No municipio do Corgo, o Partido Popular obtivo cinco edís nas últimas eleccións locais, que sumados aos dous de Ciudadanos, permitiron a investidura de Felipe Labrada como alcalde, mentres que o portavoz do partido laranxa quedou coa delegación de Vías e Obras.

Con todo, en declaracións a EFE, o alcalde deu por roto o bipartito e confirmou que os populares se dispoñen a gobernar en minoría, porque Vila pretendía asumir a través da delegación de Vías e Obras moitas máis competencias das que figuraban no propio acordo de goberno. “Vila non estaba de acordo e quería levar iluminación, traída de augas e rede de sumidoiros. Quería abarcalo todo, pero a área que delegou o alcalde eran vías e obras”, dixo Felipe Labrada.

Desde o seu punto de vista, esa postura respondía a unha “estratexia” política, polo que se viu na obrigación de “poñer punto final” e de dicir “o que delega o alcalde é isto”, e nada máis. Tamén aclarou que o desacordo chegou pola repartición de competencias, en ningún caso polos salarios, dado que o salario de cada un quedara perfectamente definido no pacto de goberno. EFE

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here