Cruce de acusacións entre Arias e Otero na súa carreira polo liderado do PSOE

Xosé María Arias pídelle a Patricia Otero que se desculpe por chamarlle "machista". A de Burela cualificouno así tras declaracións de Arias acusándoa de estar "teledirixida"

Varios socialistas da provincia durante o pasado mandato / PSdeG

EFE.- Os dous candidatos a ocupar a Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo continúan cos cruces de declaracións. O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, pediulle este xoves á deputada autonómica Patricia Otero que se desculpe por chamarlle “machista”, unha acusación que verteu a burelá logo de que el lle dixera que estaba “teledirixida”. 

“Non creo que dixese ningunha palabra para merecer ese cualificativo”, dixo Arias, quen opina que esas declaracións de Patricia Otero están fóra de lugar, polo que lle pediu á outra candidata que o chame e que lle pida desculpas. “Abonda con que me chame e me diga: desculpa, Xosé María, foi un lapsus”, precisou o alcalde de Castroverde.

INTEGRAR CANDIDATURAS?

Segundo Arias, gañe quen gañe o día 20, ambos candidatos daranse “un abrazo” e poñeranse a traballar “no proxecto común” do PSdeG, que pasa por chegar a gobernar na Xunta de Galicia” a partir das autonómicas do próximo ano.

En calquera caso, Arias tamén tirou de ironía para responder a Patricia Otero, que lle ofreceu onte a posibilidade de sumarse á súa executiva como secretario de Medio Rural. “Agradézollo”, dixo Arias, e “tamén lle ofrezo a ela integrarse na miña executiva como secretaria de Pesca”. EFE

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here