InicioPolíticaBalseiro reacciona ás críticas de Méndez: "A Xunta é a única administración...

Balseiro reacciona ás críticas de Méndez: “A Xunta é a única administración que inviste en Lugo”

A alcaldesa acusara á administración autonómica de "discriminar" a cidade, pero o delegado territorial presume dunha rea de obras impulsadas pola executiva de Feijóo. Aféalle ao Concello a súa teima por poñer "atrancos"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, retrucou ás recentes críticas que fixo a alcaldesa, Lara Méndez, sobre a Administración autonómica. Mentres que Méndez asegurou que a Xunta discrimina Lugo, Balseiro corrixe estas declaracións e salienta que o goberno galego é “a única administración que inviste” neste concello.

Balseiro saíu ao paso despois das palabras da rexedora lucense, a quen acusou de proclamar “unha afirmación falsa”. Refírese ás acusacións de Méndez acerca de que a Xunta só destina diñeiro para Lugo “nas citas electorais”. Para “desmentir” iso, o delegado  fixo fincapé en que é a Xunta quen lidera as obras nas áreas da educación, sanidade ou novos servizos, sostivo. Mencionou o novo colexio no Sagrado Corazón, as reformas no Xoán Montes e a “remodelación integral” doutros tres centros: o colexio Luís Pimentel, o de Casás e o IES Muralla Romana. “Todas elas” estarían impulsadas pola executiva de Feijóo, segundo defendeu Balseiro.

A maiores, entre os seus argumentos tamén esgrimiu que “só a administración autonómica -non o Concello- inviste na rehabilitación da Tinería”, para logo engadir á súa rea de exemplos as obras do cubo VII da Muralla e a renovación do barrio da Residencia. O delegado tampouco quixo pasar por alto os investimentos que “protagonizou” a Xunta nos pasados catro anos. Así, fixo alusión á apertura da nova escola infantil de Garabolos; aos novos servizos para o Hula; á dotación do equipamento do auditorio (aínda inacabado); á rehabilitación de catro cubos da Muralla…

QUEN É O CULPABLE DOS “ATRANCOS” E DO “ESTANCAMENTO” DE LUGO?

Balseiro corrixe así unhas declaracións da alcaldesa baixo as cales non ve fundamentos. Ao tempo, reta a Méndez a que poña sobre a mesa algunha obra promovida polos gobernos socialistas local ou central nos últimos meses. Non lle serven, adiantou, “maquetas e promesas que nunca chegan a facrese realidade”. Mesmo se ofreceu a un posible debate público cara a cara para abordar estes asuntos e destapar o “vitimismo” do Concello.

Asemade, pídelle ao novo goberno local que, no canto de buscar a confrontación institucional, opte por “poñerse as pilas” para traballar pola cidade e “deixar que os demais fagan o propio, sen atrancos”. Curiosamente esta acusación xa fora utilizada tamén por Lara Méndez, que culpou a Xunta do “estancamento” de Lugo e de “non permitir” o avance.

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...