InicioPolíticaO novo intento de Arias para liderar o PSOE lucense: "A min...

O novo intento de Arias para liderar o PSOE lucense: “A min non me teledirixe ninguén”

O proxecto co que o alcalde de Castroverde competirá contra Patricia Otero céntrase na "cercanía cos militantes". En caso de gañar as primarias, comprométese a renunciar a un posible posto como deputado provincial e a traballar para "coser" un partido que vive un período tenso

PUBLICADA O

- Advertisement -

O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, vén de formalizar a súa precandidatura para poñerse á fronte do PSOE provincial de Lugo. Canda el competirá tamén a deputada autonómica Patricia Otero, de Burela. Tanto un coma a outra son veteranos neste proceso de primarias, posto que xa se presentaran para ocupar a Secretaría Xeral provincial hai cousa de tres anos. Daquela impuxérase Álvaro Santos, pero a súa recente dimisión nun contexto de desavinzas entre a formación provincial e a autonómica abre agora un escenario que, por veces, semella un déjà vu.

Neste ambiente incerto, Arias viu unha oportunidade para volver tentar iso que quedara a medias naquela ocasión. “Preséntome para demostrar que tiña razón daquela e que a teño agora”, asegura, “o meu é un proxecto de cercanía feito dende o centro da provincia”. A proximidade é, xustamente, o eixe sobre o que vira a súa candidatura, que pretende impedir que os socialistas lucenses sexan monicreques cuxos fíos se moven dende outro lugar. “A min non me teledirixe ninguén“, sostén, a modo de carta de presentación e declaración de intencións.

Respecto a se agora se ve con máis posibilidades de vencer, Arias di ter “moi claro” que “gañe ou perda” el seguirá apoiando firmemente o seu partido. “Non hai bos nin malos, só proxectos distintos”, subliña. Neste sentido, considera unha “excelente compañeira” a Patricia Otero, a outra precandidata a dirixir a formación provincial, con quen comparte a súa afinidade por Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdG.

“COSER” O PARTIDO

Arias é consciente de que a situación da agrupación lucense non é a desexable. Admite que houbo desencontros e tensións, pero agarda que se abra un tempo de maior calma de aquí en diante. Parte coa idea de “coser” o partido, unha unión pola que traballará en caso de ser escollido líder do PSdG en Lugo.

Varios socialistas da provincia durante o pasado mandato / PSdeG

Esas discrepancias que xiraron arredor da Deputación nos últimos meses desembocaron nun máis que posible cambio na executiva presidida por Darío Campos. O de Castroverde mostrou o seu apoio a José Tomé, alcalde de Monforte, para que sexa el quen capitanee a partir de agora o barco provincial. Tamén o propio Arias é candidato a ter un asento como deputado.

Porén, fai especial fincapé no seu rexeitamento pola “política de sillóns“. “Eu teño un, o de alcalde de Castroverde; déronmo os veciños”, pero comprométese a renunciar a ese posto en caso de chegar á secretaría xeral. “Considero que o meu concello está suficientemente representado por Tomé e o resto. Hai outros compañeiros na provincia que tamén poden traballar ben dende alí”, conclúe.

Agora, unha vez finalizado o período de formalización de precandidaturas, ábrese o prazo de recollida de avais para converterse en aspirantes á dirección provincial do PSOE. Queda esperar ás votacións destas primarias, fixadas para o sábado 20 de xullo e, sete días máis tarde, polo Congreso Provincial do que sairá o sucesor de Álvaro Santos.

 

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...