InicioPolíticaÁlvaro Santos dimite como secretario provincial do PSOE en Lugo

Álvaro Santos dimite como secretario provincial do PSOE en Lugo

Marcha con duras críticas á dirección galega do seu partido e ante a posibilidade de que tenten impoñer a Darío Campos como presidente provincial. Manterá a súa acta de edil.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O ata agora portavoz do goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, anunciou este luns a súa dimisión como secretario provincial do PSOE, unha decisión que achacou a “cuestións políticas”.

Nunha comparecencia ante os medios, o que era secretario provincial do PSOE en Lugo desde decembro de 2017 reivindicou que “sempre” actuou con “lealdade, compromiso e traballo”.

Álvaro Santos tivo nos últimos tempos desavinzas coa dirección autonómica do PSOE ao manter o seu apoio a que Darío Campos continúe como presidente da Deputación de Lugo, fronte aos que apoian para o posto ao alcalde de Monforte, José Tomé.

Na súa comparecencia deste luns, Santos recoñeceu que “non hai boas relacións coa dirección galega”. Ademais, o pasado venres pedira publicamente ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que explicase os motivos polos que cre que a deputación necesita un cambio de “rumbo”.

Por iso, asegurou que deixa a secretaria provincial para que a súa persoa non “sexa un problema”. “Nos próximos días veremos se no canto dun problema era unha escusa“, sinalou para asegurar que se vai “moi agradecido” con todos os seus compañeiros. Con todo, Santos explicou que, a pesar da súa renuncia como secretario provincial do PSOE na provincia, manterá a súa acta de concelleiro no Concello de Lugo, institución na que concorreu como ‘número dous’ da actual rexedora, Lara Méndez.

“LEALDADE, COMPROMISO E TRABALLO”

O dirixente socialista, que presumiu de “lealdade, compromiso e traballo” e de conseguir os mellores resultados para o PSOE nos dous procesos electorais na provincia con “272 concelleiros e gobernando ao 65 por cento da poboación”, confesou que “non hai unha boa relación coa executiva nacional do PSOE (en Galicia)“.

Así mesmo, atribuíu esa mala ou nula relación ao feito de que a “executiva nacional está concentrada e traballando única e exclusivamente no plano orgánico”. Fronte a iso, asegurou que como secretario provincial o seu proxecto era “para o desenvolvemento da sociedade, non para persoas concretas do partido”.

Álvaro Santos puxo como exemplo desta falta de comunicación coa dirección galega o feito de que en 2018 Gonzalo Caballero anunciase nunha visita a Marín (Pontevedra) a posta en marcha dunha estratexia azul para o sector pesqueiro. “E como secretario provincial do PSOE en Lugo, con portos como Burela ou Celeiro, pómonos en contacto coa executiva nacional para que se nos traslade que é esa estratexia e que efectos pode ter sobre a Mariña e hoxe aínda non houbo resposta e non sabemos en que consiste a estratexia azul”, manifestou.

REUNIÓN CO SECRETARIO DE ORGANIZACIÓN

Neste contexto, Santos detallou que estivo o pasado xoves reunido co secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, para “tratar de reconducir a situación a un escenario de dialogo”. “E non hai ningunha resposta”, asegurou. Nesta liña, censurou que á dirección galega do PSdeG “non lle interese o diálogo”. “O único que lles interesa é a confrontación e, se non gañan como foi na as xerais na opinión das agrupacións, trátase de gañar a través da imposición”, argumentou en relación á elección interna dos candidatos ás Cortes xerais.

Ademais, afirmou que antes de concorrer ás primarias para liderar o PSOE de Lugo o propio Gonzalo Caballero convidouno a que non se presentase polo que a relación foise “arrefriando” desde entón.

CANDIDATO Á PRESIDENCIA

En canto a se na súa decisión pesa tamén que o PSdeG se decante polo alcalde de Monforte para presidir a deputación, e non por Darío Campos, a súa aposta persoal, limitouse a dicir que o partido en Galicia “debe de falar claramente”.

“Creo que unha institución que está estabilizada, que está normalizada, debe de seguir normalizada e estabilizada”, expresou antes de asegurar que, para iso, a institución provincial ten “un presidente”. “Eu non sei se apoian a outra persoa ou non, o secretario de organización (Quiroga) di que si aínda que publicamente non di nada e o secretario xeral di que se mantén na imparcialidade. Non sei si están divididos entre eles ou empregan un dobre discurso“, censurou.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...