Agudizase a batalla e a división interna no PSOE de lugo polo control da deputación

Varios socialistas da provincia durante o pasado mandato / PSdeG

A división do PSdeG-PSOE en Lugo é total. Durante os períodos electorais das xerais e municipais aparcouse unha guerra interna que leva meses aberta e que ten unha moi difícil solución. Por unha banda está o sector da dirección galega, minoritario aínda na provincia, pero que, logo das vitorias socialistas nas xerais e nas municipais está collendo peso. Polo outro, o sector provincial, nutrido de cargos institucionais que, tras o acontecido o 26M, veu reforzadas tamén certas aspiracións políticas. José Tomé Roca, alcalde de Monforte lidera agora o primeiro sector. Álvaro Santos, secretario provincial en Lugo, o segundo. E, por agora, non hai achegamento de posturas.

A decisión do rexedor monfortino de dar o paso de candidatarse como presidente da Deputación de Lugo volveu abrir as hostilidades. Había xa certa coincidencia en que Darío Santos volvera asumir a presidencia da Deputación, pero tras o paso dado por José Tomé, a fráxil pax que se fraguara durante o período electoral saltou polos aires. E as feridas abertas, lonxe de cicatrizar, abriron aínda máis e ameazan con estoupar.

Tomé di contar co apoio da dirección galega e federal. El mesmo asegurou que está en “plena sintonía” con Gonzalo Caballero e con Pedro Sánchez. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, evita apoiar publicamente a ningún dos candidatos. Este mesmo domingo apuntaba que os “intereses individuais están por baixo dos intereses colectivos”.

Defendía, así, Gonzalo Caballero que o “reto” para o Partido Socialista é “un reto de proxecto que ten claro que os intereses individuais están por baixo dos intereses colectivos”. Por iso apuntaba que se buscarán os “mellores perfís en cada lugar para acertar no proxecto de futuro” para Galicia e cada unha das provincias. Pero non daba nomes.

Pedro Duque con Gonzalo Caballero, Lara Méndez, Álvaro Santos ou Ana Prieto nun mitin en Lugo / PSdeG-PSOE

Fontes da dirección galega consultadas aseguran que non hai apoio oficial a ningún sector e mesmo deixan entrever que se pode elixir a un terceiro candidato se hai moita división entre Campos e Tomé. Con todo, hai feitos que apuntan a que a dirección galega aposta polo rexedor monfortino ou por outro candidato ou candidata do seu entorno. E hai varios factores que así o apuntan.

DIFERENCIAS

A pasada semana tivo lugar unha asemblea decisiva para coñecer o futuro da presidencia da deputación. Tiña que ser elixido o candidato da comarca de Lemos á deputación. José Tomé presentara a súa candidatura e a dirección provincial tiña pensado presentar ao líder socialista do Saviñao. Pero, a última hora, en plena asemblea, este retirou a súa candidatura.

Segundo as fontes consultadas detrás desta decisión está a presión exercida por José Antonio Quiroga Díaz, secretario de organización do PsdeG-PSOE, e home forte de Caballero en Lugo. Quiroga, que é da agrupación socialista do Saviñao tería presionado ao seus para que non se enfrontaran a Tomé. Fontes do entorno de Quiroga negan tal presión e suliñan que a operación de Santos de impoñer a un candidato alternativo fracasou. Con todo, e tras este vacío na asemblea, xurdiu unha segunda candidatura, a do rexedor de Ribas de Sil, Miguel Soutela, afín á dirección provincial. Pero, finalmente, non houbo votación á espera da decisión da dirección provincial. Con todo, a candidatura de Roca sae reforzada deste primeiro enfrontamento.

A segunda evidencia do gran enfrontamento entre a dirección galega e a lucense tivo lugar no Comité Nacional do PSdeG. Alí estaban os principais dirixentes galegos, menos os de Lugo. De feito, na foto oficial, o único candidato a presidir unha deputación provincial que non estaba era o da Deputación de Lugo. Estaba a actual presidenta en funcións da de Pontevedra, Carmela Silva; o de Coruña, Valentín González, o aspirante a de Ourense, pero non Darío Campos, o presidente en funcións da de Lugo.

Darío Campos, Álvaro Santos e Lara Méndez / EP

Esta ausencia ten que ver con que os socialistas lucenses acusan a Caballero de tomar partido directo por José Tomé nesta guerra. Con todo, desde a dirección galega insisten en que Gonzalo Caballero non apoia a ninguén e quen decidirá será a dirección federal de Madrid. Unha decisión que, en todo caso, se baseará nun informe da Executiva galega. “Pode ser Tomé, pode ser Darío ou pode ser unha terceira persoa”, apuntan fontes consultadas.

CONSECUENCIAS

Esta guerra aberta entre os socialistas lucenses pode provocar graves consecuencias, entre elas, inestabilidade nas institucións e, efectos electorais adversos. Ese é o temor de destacados dirixentes socialistas na provincia que apuntan que se sae elixido Tomé, boa parte da provincia non o apoiará, o que pode ter consecuencias a nivel electoral, ante a proximidade das autonómicas o vindeiro ano. “E un só deputado pode ser decisivo para que haxa cambio político en Galicia”, indican.

Polo momento, Darío Campos e Álvaro Santos contan co apoio da Mariña e boa parte de Lugo, as circunscripcións electorais máis importantes da provincia, ademais da Montaña. Tomé só tería o apoio de parte de Lemos, de Chantada e de Lugo. Pero a decisión non é da militancia, nin da dirección provincial, senón das executiva galega e da federal, que podería decantarse por Tomé ou por unha terceira opción afín a el.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here