Lugo, a cidade e a provincia galegas con maior porcentaxe de voto a Vox

Vox conseguiu en toda España 2.677.173 votos, que representan o 10,26% dos sufraxios. En Galicia acadou 86.126 apoios, tan só un 5,27% dos sufraxios. O mapa do voto á ultradereita en Galicia pode dividirse en dúas partes: o norte, onde Vox acadou máis porcentaxe de votos, e o sur, onde logrou menos.

As provincias de Lugo e A Coruña presentan unha maior preferencia ultradereitista, co 5,74% e o 5,63% dos sufraxios para Vox, respectivamente (por enriba da media galega).

Pola contra, as dúas provincias do sur mostran porcentaxes por debaixo da media galega. En Ourense, a extrema dereita acadou un 5,11% dos votos. Pero chama especialmente a atención o caso de Pontevedra, aprovincia con menor apoio a Vox, con tan só o 4,74% (medio punto por debaixo da media de Galicia e un punto por debaixo de Lugo). Pontevedra foi, precisamente, a provincia que decidiu a histórica vitoria do PSOE sobre o PP, ao ser a única circunscrición galega na que os socialistas sacaron un escano máis que os conservadores (nas demais empataron).

Por cidades, Vox atopou o maior apoio, por esta orde, en Lugo (6,72%), Ferrol (6,61%) e A Coruña (6,52%), cidades que superan amplamente a media galega do voto á ultradereita, até un punto e medio máis.

Pontevedra (5,83%) e Ourense (5,61%) tamén se sitúan por enriba da media porcentual autonómica no apoio a Vox.

Vigo segue asegurando o seu estatus de principal praza ‘vermella’ e antifascista en Galicia. Na maior cidade do país, a ultradereita tan só acadou o 4,65%, a menor porcentaxe de todas as urbes, dous puntos por debaixo das cidades do norte.

Precisamente no norte, Santiago de Compostela semella unha illa. A capital foi a segunda cidade con menor apoio a Vox, cun 4,78%, por debaixo tamén da media galega.

Máis información, en Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here