InicioMovementos sociaisImpunidade Carioca organiza un espectáculo para continuar a recollida de sinaturas

Impunidade Carioca organiza un espectáculo para continuar a recollida de sinaturas

O movemento recolle sinaturas para pedir que as administracións se persoen na causa da Carioca cun espectáculo na Praza Maior dende as 18.45 h.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Plataforma Cidadá contra a Impunidade do Caso Carioca continúa a actividade de denuncia pola indefensión das vítimas da trama de proxenetismo investigada en Lugo, a maior do Estado. Contra o posicionamento da Fiscalía, o movemento recolle sinaturas para pedir que se persoen na macrocausa Concello de Lugo e Xunta de Galicia, para levar ata as últimas consecuencias a investigación. Con tal fin, organizan un espectáculo este venres na Praza Maior, a partir das 18.45 horas.

Despois da proxección do documental Benvidas ao Club, en decembro Impunidade Carioca levou a cabo un obradoiro de teatro e un primeiro acto de recollida de sinaturas para pedir que as institucións se persoen na causa xudicial. Na Carioca hai 47 pezas en risco de quedar arquivadas pola controvertida posición da Fiscalía, e permanecen investigadas 80 persoas, entre proxenetas, axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, empresarios e un exsubdelegado do Goberno.

A Fiscalía, contra o criterio de Pilar de Lara

Intúen na Plataforma que contan con dous meses, ata abril no escenario máis optimista, para evitar que o criterio do Ministerio Público prevaleza e as eventuais penas sexan reducidas á mínima expresión. A Fiscalía desistiu de acusar a unha vintena de investigados na peza principal da operación Carioca, correspondente ao club Queens de Lugo; idéntico proceder tivo cando en decembro de 2017 pediu o arquivo da peza do Liverpool, deixando sen castigo a prostitución de dúas menores.

Así as cousas, foi tamén a Fiscalía a responsable da separación en múltiples pezas, ralentizando o proceso e desdebuxando a trama. No canto de afrontar unha mafia organizada, converteu o caso nunha suma de delitos illados, reducindo a gravidade dos delitos. Cómpre entender que na Carioca hai involucradas testemuñas protexidas, menores e mulleres sen papeis, algunhas xa de regreso nos países de orixe.

En Impunidade Carioca denuncian que as fiscais –Nuria Fernández Pérez e Belén Quintela López– tentan defender aos axentes das forzas de seguridade do Estado en conivencia coa trama de proxenetismo. Un dos axentes implicados na peza do Liverpool, e que aparece en varias máis, traballaba na unidade encargada de perseguir os delitos de trata. “Iso é o que nos preocupa, que poida seguir traballando con novas vítimas”. “Polo menos, deberían pasar por xuízo e demostrar que non cometeron delito algún”.

A participación da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo na acusación popular permitiría a necesaria visión de conxunto, dada a complexidade e o número de pezas. Para persoarse poderían empregar medios propios, ou ben contratar asesores por concurso público, para evitar a saturación dos servizos xurídicos.

Un inverno quente

Concentración da Plataforma contra a impunidade no caso Carioca na Praza Maior | Óscar Bernárdez
Concentración da Plataforma contra a impunidade no caso Carioca na Praza Maior | Óscar Bernárdez

A voceira de Impunidade Carioca, Carmen Magdaleno, explicou que na Plataforma están “moi satisfeitos”, porque conseguiron nun só día algo menos de 800 sinaturas. A “performance” diante do Concello é parte dunha campaña que aumentará en intensidade ao longo de xaneiro, coa vista nos comicios de maio. Xa anuncian novas accións para motivar o debate político e forzar a intervención institucións públicas.

 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...