InicioMovementos sociaisLugo Sen Mordazas, da crisálide a axente cultural e de debate

Lugo Sen Mordazas, da crisálide a axente cultural e de debate

O movemento asambleario atopa vida alén do propósito inicial, mudando en centinela da cultura que agroma de xeito espontáneo na cidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Era un paso natural, aínda que non por iso é menos relevante. Lugo Sen Mordazas superou o seu cometido fundacional e agora, aproveitando a inercia do triunfo e o vento de cola da tímida cultura lucense, o movemento asambleario esparéxese para manter o debate aceso. Este sábado 24 de novembro comeza o primeiro ciclo das xornadas sobre o modelo de cidade, que terá remate o sábado vindeiro, primeiro de decembro.

Lugo Sen Mordazas atravesou uns meses moi intensos dende a primeira asamblea do 15 de abril. Os trinta colectivos que conforman a plataforma recolleron apoios entre o comercio local, denunciaron a coacción sobre as xentes do barrio da Tinería –onde iniciaron o ciclo de cinema para reivindicar os espazos públicos–, e chamaron a manifestarse o 26-S, cumio da mobilización que rematou co proxecto de ordenanza cívica na gabeta.

O evento autoxestionado toma o nome de Tecendo Cidade. A partir das 11.00 horas deste sábado, a Casa Sindical (Ronda da Muralla, 58) alberga un faladoiro a cargo de Jacobo Teijelo, un douto avogado penalista que abordará o goberno a través do medo. Lóxico, tendo en conta a orixe de Lugo Sen Mordazas, que a estrea sirva para reflexionar sobre a frustrada ordenanza de seguridade, os instrumentos coercitivos e o poder do Estado.

Seguirá tralo descanso a mesa redonda acerca das vítimas principais destas políticas, os colectivos en risco de exclusión social, que sofren o estigma, a exclusión e criminalización. Da tertulia, moderada pola Rede de Apoio Mutuo, participarán Uxía Amigo, experta no acompañamento a persoas sen fogar, Diego Lores, da Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), e Fátima, unha veciña da Tinería que ofrece servizos sexuais.

Dende as 14.30 celebrarase o xantar vegano no Centro Social Vagalume (As Nóreas, 5), con aforo reservado. Trala comida chega a conferencia sobre autoxestión de la gallega, membro da Zona Autónoma Liberada de San Lourenzo, na Arxentina. Pecha a xornada Iago Carro, arquitecto do grupo de estudos Ergosfera, presentando dende a perspectiva do urbanismo as ferramentas de control social.

ÚLTIMAS

A Deputación dotará a 52 concellos de ferramentas tecnolóxicas a través do proxecto Impulsa TIC

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou na Fonsagrada o inicio do...

O BNG promove unha campaña para demandar ao Goberno melloras nas infraestruturas viarias de Lugo

O BNG de Lugo iniciou unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas...

Greenfiber reitera que Altri “non cambiará as condicións do Ulla” e alega que o estudo de Ence “non está actualizado”

Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, reiterou este martes que...

Falece no hospital un home de 92 anos que sufriu unha caída por un terraplén na Fonsagrada o domingo

Un home de 92 anos faleceu na madrugada deste martes no Hospital Lucus Augusti...