Carballo: “Na Federación non queremos molestar, pero ás veces hai que facelo”

José Manuel Carballo, coordinador da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, analiza no Día do Veciño o conseguido e os desafíos da provincia

José Manuel Carballo, vicepresidente coordinador da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo | Óscar Bernárdez
José Manuel Carballo, vicepresidente coordinador da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo | Óscar Bernárdez

Aproveitando a gran xuntanza anual do maior colectivo veciñal de Galicia, o vicepresidente e coordinador de plataformas da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, José Manuel Carballo, realiza un balance dos últimos doce meses e dos desafíos inmediatos que afronta a provincia. Entre asuntos fundamentais coma as infraestruturas ou a sanidade, hai oco para reivindicar a constancia e a planificación eficiente como piares dunha organización activista que medrou rapidamente, e que aspira a incorporar un total de 300 asociacións en tempos vindeiros.

O Día do Veciño acadou neste 2018 a cifra de catro mil asistentes, convidando a sesenta representantes de institucións e colectivos. Carballo defende a presenza e o soporte de organizacións políticas, mais advirte de que “ningún apoio serve para comprarnos”, porque sempre terán reivindicacións que afectarán os diferentes partidos en liza. “Aceptamos todas as proposicións veñan de onde veñan, dende todos os puntos de vista e todas as ideoloxías”.

Neste senso, indica que é crucial “ser cautos e respectuosos con todas as opinións” dentro da Federación, “que ten que ser sumamente democrática”. “Para analizalo, todo é válido; pero as decisións non as tomamos unha, dúas, ou dez persoas, as decisións importantes tómanse na Asamblea”, aínda que para temas de urxencia están contempladas nos estatutos dous organismos chave para un funcionamento eficiente.

O primeiro é a comisión permanente, que conforman oito persoas, e o segundo é a minicomisión, composta polo presidente, Jesús Vázquez, o vicepresidente voceiro, Fernando Rois, e o vicepresidente coordinador, o propio José Manuel Carballo. “Ás veces a Federación ten que defender unha posición que considera inminente, que logo pode ter matices cando se reúne a Comisión Permanente global ou a Asamblea”.

“Ata agora temos a sorte tremenda de que podemos dicir que case todos os acordos son aprobados por unanimidade na Asamblea”. Para Carballo, a cerna da Federación, e razón do seu medrar, é a planificación. “Tratamos todo dende un punto de vista colectivo como ciudadanos, como provincia”. Entre as fortalezas, o vicepresidente coordinador subliña o valor da constancia e da descentralización a través das plataformas.

As mesmas plataformas “teñen unha misión moi grande dentro da Federación, para actuar puntualmente afectando a unha parte da sociedade ou unha zona da provincia”. Así, as plataformas xorden en aspectos nos que se considera que só deben intervir os colectivos ou veciños interesados nun tema puntual. “Temos que telo todo organizado, saber ata onde chega, a quen corresponde”.

José Manuel Carballo, vicepresidente coordinador da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo | Óscar Bernárdez
José Manuel Carballo, vicepresidente coordinador da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo | Óscar Bernárdez

Os campos de batalla da Federación son amplos e diversos. No último ano sobresaíu o da sanidade, vencellado aos servizos de radioterapia, medicina nuclear e hermodinámica. A estas loitas engádese a presenza de Medtronic no HULA. “Queremos médicos do noso hospital, e que a xestión sexa íntegra do noso hospital. Se hai que contar con empresas, é posible que asesoren e implanten equipamentos, pero iso hai que dirixilo dende o propio hospital”.

Despois deste Día do Veciño, parte dos esforzos irán cara a infraestrutura ferroviaria, na que xa acadaron grandes progresos mercé á plataforma Lugo Non Perdas O Tren. “Hoxe iso estase movendo e ten peso. Cando comezamos, empezaron a poñer máis trenes en servizo, aumentando un 46 por cento os cidadáns que viaxan en tren de Lugo a Madrid, cifras importantes, temos o Alvia e conexións importantes con Ourense. E seguirá crecendo”, apunta Carballo.

“Están cambiando as cousas”, comenta en referencia ás relacións cos administradores ferroviarios. A Adif solicitaron un aparcadoiro provisional ata a realización da comprometida Intermodal. “E aí está o aparcadoiro, o 6 de setembro Isabel Pardo de Vera inaugurou 150 prazas a disposición dos cidadáns e visitantes, ao lado do Edificio Multiusos”.

Pasada a festa anual do colectivo, Carballo adianta que tocarán “puntos que están no aire, que non andaron ao ritmo, que hai que definir e planificar”. Con moita cautela explica as previsións sobre a conexión de tren con Ourense. “A partir deste mes prevese rematar os proxectos para a electrificación Monforte-Lugo, e a eliminación dos 36 pasos a niveis que interrompen a circulación entre Ourense e Lugo”.

Os proxectos das variantes de Rubián, Monforte e Os Peares “marcarán os tempos cara a alta velocidade”. Sen os pasos a nivel, e logo da electrificación, chegarán novos equipos e os tempos de viaxe reduciranse drasticamente. “Se agora temos unha hora e dez ata Ourense, é posible que academos corenta e cinco, cincuenta minutos. Se engadimos a liña de alta velocidade de Ourense a Madrid, temos que contar que en tres horas e dez podemos estar en Madrid”.

Dentro desta estratexia, a Federación quere unir esforzos con outra iniciativa cidadá xurdida en Monforte, Neste tren caben todxs. “Están facendo as peticións que nos fomos denunciar”, observa. “Monforte non ten ascensor nin paso subterráneo axeitado, quedou descolgada. A iluminación é pobre, hai que adecentar a estación,  poñer máis aparcadoiros… hai que poñer en marcha o Museo do Ferrocarril doutra maneira, non pode estar en mans dalguén que non ten interés en promovelo. Monforte ten que tirar, é a segunda capitalidade da provincia”.

Na Federación de Asociacións de Veciños son conscientes de que os cambios levarán tempo, e que deben aplicar a presión con responsabilidade. “Hai que ser educados, a estas instancias tes que chegar falando con propiedade. Son temas que están aí, temos que empurrar pero hai que ser realistas”. Só deste xeito, asegura, poderán máis adiante afrontar a conexión ferroviaria entre Lugo e A Coruña.

Se poden empurrar, é por mor das case duascentas oitenta asociacións federadas, que representan a trinta mil lucenses. “Non hai ningún colectivo político en Galicia que teña tanto afiliado, somos maioritarios a todosos niveis”. E por iso, a continuidade nas accións da Federación vai acompañada de comprensión cos prazos das administracións. “É unha batalla que non podemos gañar nun día, somos tranquilos, hai que deixarlles tempo a que mediten; e cando o meditan demasiado, volvemos máis forte”.

Ese é o único camiño, sostén, e ten que pasar pola comprensión. E nesa “pelexa contínua” é fundamental que a dirección da Federación teña a capacidade de manter as demandas no tempo.  “A forza témola en que os que estamos en postos clave non somos xente que nos aburramos, que cedamos”. Por iso seguirán presionando para a reforma da infraestrutura e a mellora dos ferrocarrís. “Somos realistas: non se pode conseguir todo xunto”.

Por outra banda, a presión continuará no eido sanitario, que protagonizou as maiores demostracións de forza das asociacións de veciños de Lugo. Lembra Carballo a gran mobilización polo Hospital, aquela “movida” que levou a 17.000 cidadáns á rúa. “Ninguén conseguiu levar a 17.000 veciños á rúa”, presume. Ou a ruta do cancro, aquela caravana de trinta coches detrás da ambulancia que levaba os pacientes de cancro ata A Coruña.

Agora loitarán por que o aparcadoiro interno do HULA sexa público. Dende a Federación entenden que, despois de que o Concello cedera terreo público para tal uso, os aparcadoiros deben ser públicos, e que non pode existir rédito para empresas privadas. E queda pendente a hermodinámica 24 horas, á espera de que se implante pola noite.

“Non queremos molestar, pero ás veces hai que facelo, porque se non os políticos non entenden”. Refírese Carballo á promesa do executivo de Alberto Núñez Feijóo sobre a asistencia en cardioloxía do hospital lucense, e o custe electoral que comportou en 2015. “Nós non lle dixemos a ninguén que non votara, nós contamos quen era o responsable”.

Isto mesmo sucedeu co retroceso nos trámites da Residencia, un barrio polo que a Federación tivo que combater e arrancar da Xunta un plan integral. Fixéronno conxuntamente coa asociación de comerciantes Ascorelu, e chegaron a cortar o tráfico arredor da Muralla na máis grande das manifestacións vencelladas á situación do vello Xeral.

E hai máis, aínda que Carballo recoñece que “pasamos etapas nas que aparentemente non estamos facendo nada, que son máis frías”. Aliás, a Federación ten previsto reunirse co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, para afrontar outro dos compromisos esquecidos: a Ronda Leste. “Está comprometida, está no DOG e no BOE de 2009”, protesta.

“É un tema importantísimo, porque a Ronda Leste unirá a estrada á Fonsagrada, a rotonda que leva ao Hospital, coa Tolda e o Miño. Queremos sacar o tráfico do paseo do Rato e da Ronda de Fontiñas”. Así as cousas, os responsables do colectivo apostan pola prudencia antes de facer reclamacións. “Os temas nos que traballamos nunca saen á rúa sen que os teñamos analizados e planificados”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here