A memoria de Emilio López Pérez, o ‘Milucho‘ (Monforte de Lemos, 1952), é tamén a memoria da loita dun pobo. Cofundador de Comisións Labregas, é considerado un dos precursores do nacionalismo agrario en Galicia. A súa voz erguíase forte durante os anos setenta e oitenta. ‘Milucho’ viviu aquela primeira gran tractorada que paralizou as estradas galegas para protestar contra a cota empresarial.
Foi deputado autonómico polo BNG entre o 1994 e o 2005. Seguidamente, entre o 2005 e o 2009, exerceu de delegado de Medio Rural en Lugo. Daquelas etapas lembra a súa teima por levar adiante as concentracións parcelarias, que só habían facerse “co convencemento dos veciños”. Este sábado 1 de febreiro, a Federación Rural Galega (Fruga) réndelle homenaxe a ‘Milucho’ e mais a aqueloutros compañeiros que termaron dos intereses da terra nuns anos complicados.
LUGO XORNAL: Como recibe este recoñecemento despois de todo este tempo?
MILUCHO: Eu enténdoo como unha homenaxe colectiva. Lémbrame unha etapa na que nos fomos xuntando varios galegos e galegas, comprometidos con cambiar a situación de terrible opresión que sufría o agro. É bo recordar que nos enfrontamos a aquelas medidas totalmente inxustas, como era a cota empresarial, pero tamén é unha forma de continuar cara adiante co sindicalismo agrario e a loita rural.
LX: Actualmente, percibe forza para continuar con esa loita e tirar polos intereses das labregas?
M: A presenza agraria afrouxou moito en xeral. Cando nós comezamos neste movemento, a maioría da xente ocupada en Galicia era labrega. Era o sector maioritario, con máis de medio millón de persoas dadas de alta na Seguridade Social agraria. Hoxe en día, a evolución da economía e da sociedade fixeron que o propio mundo rural perdera moito peso. Pero temos que insistir en que os labregos seguen sendo importantes para que viva Galicia enteira, a súa economía, a súa cultura…
LX: Vostede protagonizou fitos históricos coma o que supuxo a Asemblea Agraria celebrada no Pavillón dos Deportes de Lugo no ano 1977.
M: Aquilo foi un fenómeno para min e para moita xente. Era case coma unha visión. Lembro que estabamos esperando a ver se se enchía o pavillón, pero logo viamos que non paraba de entrar xente. ‘Esperade, esperade, que están chegando máis persoas!’. Viñeran autocares das Encrobas, de Viveiro… Houbera que abrir as portas para que nos escoitaran dende a explanada. É unha das imaxes máis impresionantes que lembro.
“todo depende do movemento social, pero tamén da vontade que teñan os nosos políticos”
LX: É de supoñer que detrás desa asemblea había un intenso traballo. As labregas acolleron doadamente a proposta de se rebelar?
M: Houbo moitísimo traballo! Fixemos moitas asembleas, percorremos moitas parroquias. Coñeciamos as cantinas de todos os lugares! Primeiro tiveramos que convencer a xente para que se negara a pagar as cotas, pero aínda tiñamos que convencela para manifestarse. Foi máis fácil, porque as propias ameazas do Estado axudáronnos a convocar a xente. Había medo aos embargos das terras, así que pedíase unha resposta colectiva. Aquilo non podía seguir así! E foi cando nos xuntamos para berrar ‘Nós non somos empresarios: fóra a cota empresarial’.
Pero antes de todo iso xa houbera un intento previo por facer unha aventura parecida en Monforte. Cando aínda non se permitía a creación dun sindicato, quixemos salvar ese impedimento e crear a Asociación Agraria Galega en base a unha lei de asociacionismo. Pediramos nada máis e nada menos ca o campo de fútbol do Club Deportivo Lemos. Iamos facer unha asemblea para presentarnos en público, pero acordamos suspendela nos últimos días por unha orde do gobernador, que preparara a Policía e a Garda Civil para realizar posibles detencións ás portas do campo. Íase armar unha boa e aquilo retrasaría o movemento, así que decidimos esperar.
LX: Pero, finalmente, naquela Asemblea de Lugo convocouse a primeira gran tractorada en Galicia. Esa maneira de se manifestar segue sendo un símbolo labrego a día de hoxe?
M: Totalmente. Iso marcou un antes e un despois. Todo o mundo falaba da tractorada, incluso nos partidos que presentaban candidaturas nas seguintes eleccións. Aquilo foi creando na xente unha autoestima moi grande, un sentimento de unión.
LX: Cales son as loitas agrarias que quedan por gañar?
M: Eu penso que agora estamos encamiñados a unha loita máis xeral, non só a reivindicacións económicas. Segue habendo sindicalismo agrario, pero tamén teñen forza movementos cooperativistas, ecoloxistas ou os Montes Veciñais en Man Común. Non se pode pensar só en salvar o prezo do leite ou do queixo, senón en salvar a vida rural que está morrendo. Hai persoas que non viven directamente da produción do campo, pero están relacionadas con el dunha maneira ou doutra.
Hai que seguir reivindicando servizos para o rural: sanitarios, comunicacións… Antes pelexabamos para que se abriran camiños, pero é que agora as estradas do rural meten medo. Case non circulan os tractores. Todo depende do movemento social, coma ocorreu en Verín e en Touro, pero tamén da vontade que teñan os nosos políticos.
“O rural galego non se amaña só con promover os camiños de Santiago”
LX: Observa compromiso real co sector agrario por parte dos gobernos?
M: Non. Todo o contrario. Hai pura demagoxia. Ou, como se di agora con palabras modernas, o que hai é moito postureo. Lembro que unha vez lle dixen a Romay Beccaria [exconselleiro de Agricultura] que o agro non se amaña con ‘padrenuestros‘. Pois agora é o mesmo: o rural galego non se amaña só con promover os camiños de Santiago. Iso paréceme útil, pero non chega. Hai que facer máis cousas.
LX: Vostede mesmo formou parte das institucións. Que aprendeu daquela etapa respecto a como se deben formular as políticas para o rural?
M: Eu sempre digo que as cousas hai que facelas co convencemento da xente á que afectan. Naqueles anos, avanzamos moito coa concentración parcelaria. En tres anos, o bipartito concentrou máis hectáreas ca todas as que se fixeran en 16 anos de goberno de Fraga. En todos eses procesos hai que falar e escoitar a xente. Non só son procedementos técnicos, senón tamén sociolóxicos. Coa concentración parcelaria pasaba o mesmo. Cando estaba no meu despacho e viñan conversar comigo por este motivo, eu preguntáballes: ‘E na súa parroquia, como fan a festa?‘ Estrañábanse desa pregunta, pero tiña sentido. Para facer a concentración parcelaria hai que razoar moito os uns cos outros. Se non razoaban para facer a festa, ía ser difícil que se entenderan para a parcelaria. Ao final todo é cuestión de que haxa vontade.