Unha ‘escape room’ infantil para “fuxir do amor insano”

O CEIP Casás convida a buscar cinco 'virus machistas' agochados nunha sala chea de enigmas. Esta actividade é unha das patas do proxecto 'Lab-oratoria', que pretende concienciar o alumnado sobre a violencia de xénero a través de ferramentas que lles son moi próximas: as redes sociais, os videoxogos ou o mundo virtual é a base da que parten para rachar cos estereotipos ou as condutas machistas.

Unha alumna comproba o tempo que lles resta para resolver todas as probas da 'escape room' organizada no CEIP Casás | LX

Nunha sociedade infectada de machismo, andan soltos algúns virus terribles: o acoso, o sexting, o grooming, o abuso e os celos ameazan con atacarnos. Xela, unha mestra científica, pídelles axuda a un grupo de nenas e nenos para localizar e neutralizar eses males. Teñen 60 minutos para completar a súa misión. Hai moito en xogo!

Ese é o punto de partida da ‘escape room‘ que vén de organizar o CEIP Casás. Para quen non estea familiarizado co termo, unha ‘escape room’ (ou sala de escape) é un xogo de aventura no que un grupo de persoas ten que resolver enigmas e superar probas para conseguir saír dun espazo pechado. Esta alternativa de ocio, tan de moda nos últimos tempos, pega agora o chimpo ao ámbito educativo da man deste colexio lucense. Procuran abordar a problemática das violencias machistas dunha maneira dinámica, innovadora e próxima aos intereses da rapazada.

“É unha actividade introdutoria para que lles pique a curiosidade sobre os conceptos que descobren aquí” e sobre os que seguirán traballando máis adiante, segundo afirma Verónica Eiravella, directora do centro e experta universitaria en materia de malos tratos e violencia de xénero. Eiravella explica que a posta en marcha da ‘escape room’ requiriu un mes de traballo previo: tecer a historia, deseñar os enigmas de acordo á temática, montar a escenografía, facerse co material (dende unha máquina de fume ata candados e rotuladores invisibles)… “Pero merece a pena”, di, “a acollida do alumnado foi moi boa”. Tanto é así que xa andan pensando en adaptar o xogo a idades máis temperás.

Unha das probas da ‘escape room’ ten como protagonistas a literatura sen estereotipos de xénero | LX

APRENDER A IDENTIFICAR O MACHISMO

“Gústame que o cole organice isto, porque aprendemos e pasámolo ben. Foi moi divertido”. As voces de Iria, Olmo e Hugo (6º de Educación Primaria) vanse solapando, impacientes por contar que foi o que máis lles gustou da experiencia. Valoran o traballo en grupo e coinciden ao pensar que é un xeito ameno de “coñecer que é o sexting ou o grooming, por exemplo”.

Confesan que non tiñan nin idea do que significaba iso antes de resolver a ‘escape room’. Con todo, unha queda pampa de esperanza ao escoitalos falar sobre as implicacións sociais do xogo. É importante que se fale do machismo e que se amose como identificalo, din. “Non sempre é súper evidente. O maltrato psicolóxico non se ve tan fácil pola rúa, pero tamén é machismo”.

Nos seus corpos pequeniños xa vai medrando un espírito crítico —alento para a sociedade—. Cos seus once anos, cuestiónanse por que as princesas dos contos sempre teñen que ser salvadas por cabaleiros. “Póñenas de rosa”, di un. “E sempre con vestidos!”, súmase outro. Enredan na conversa e van facendo un repaso por películas e historias infantís. “Para min o conto máis machista é o de Brancaneves. Hai sete homes na casa e é ela quen ten que cociñarlles!”, quéixase Iria. Malia todo, eles tamén ven como as cousas van mellorando: “O outro día fun ver a segunda parte de Frozen e xa era súper distinto a todo iso”.

VIDEOXOGOS, INSTAGRAM OU MÚSICA

Non esquecer a perspectiva de xénero á hora de observar a realidade (e as ficcións) que os rodean: iso é algo no que poñen moito tino no cole. Desta maneira, a ‘escape room’ enmárcase dentro dun plan de actividades moito máis amplo e que leva por nome Lab-oratoria’. O proxecto persegue o obxectivo de desmontar as mentiras e estereotipos de xénero que se reproducen en Internet, nos libros, nos videoxogos…

A tecnoloxía ten un papel protagonista no proxecto ‘Lab-oratoria’ | CEIP Casás

“Dende o noso centro, sendo conscientes de que a maioría do alumnado fai uso das redes sociais aínda estando na idade non permitida, detectamos a necesidade de traballar a prol de un uso correcto e igualitario das mesmas”, explican. A plataforma Instagram será un dos eixes sobre o que virará o proxecto, á par de videoxogos tan populares como o Fortnite

“A música é algo que tamén funciona moi ben para afondar neste tema”, exemplifica Verónica Eiravella. Por iso, a rapazada analizará as letras de panxoliñas, cancións actuais ou outras propias da música tradicional galega. 

OS CAMBIOS ACADADOS, “IRREVERSIBLES”

“Que se vexa que no CEIP Casás tamén se fan cousas guais!“, ri Verónica Eiravella. “Esperemos que aos nenos lles quede algo de todo isto”. Polo momento, asegura que xa nota un cambio de mentalidade enorme respecto do que acontecía hai uns anos. Antes de ocupar a dirección do centro, Eiravella foi a xefa da Unidade contra a Violencia á Muller da Subdelegación de Lugo. No tempo no que ela exerceu, percibiu un avance importante: agora fálase moito de feminismo, da loita contra a violencia de xénero, de condenar condutas machistas… E aínda que “hai quen non o pon fácil”, ela cre que os pasos dados xa son “irreversibles”.

 


 

O 25-N nos colexios de Lugo: a educación como ferramenta para cambiar o mundo

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here