InicioMovementos sociaisAs mulleres que non deixan esmorecer a Montaña de Lugo

As mulleres que non deixan esmorecer a Montaña de Lugo

Dende os ámbitos urbanos hai "unha imaxe estereotipada" das donas que viven na comarca dos Ancares. En realidade, son mulleres dinámicas e activas que se moven por conseguir servizos para os seus concellos. Son, en si mesmas, un elemento integrador da poboación e promoven a dinamización sociocultural para a veciñanza a través de asociacións nas que elas son a maioría. "Somos as que tiramos do carro", dicía unha delas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“As mulleres son as que manteñen en pé Cervantes, esta zona con tan pouca poboación”. Dicíao unha traballadora do Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, en relación á importancia das donas como elemento vertebrador e dinamizador da Montaña luguesa. Nun rural ao que non sempre se lle presta atención dende as administracións, as mulleres —tamén esquecidas por políticas exentas de perspectiva de xénero— cumpren unha función a prol da socialización e a busca de recursos.

Os ollos que observan o rural dende a distancia recollen unha interpretación deformada del. “Hai unha imaxe estereotipada das mulleres que viven na Montaña. Isto evolucionou moito nos últimos anos e aquí non só hai velliñas vestidas de loito”, apuntaba Vanessa Fernández, doutora en Xeografía cunha tese sobre Os Ancares. Vanessa coida que eses prexuízos revelan un gran descoñecemento sobre o que son as aldeas porque, a día de hoxe, nada teñen que ver con esa realidade que proxectaban os grandes medios.

“A muller no rural é unha muller moi botada para diante, moi dinámica, moi valente, á que non lle dá medo enfrontarse a proxectos, innovadora nas cuestións que formula…”, describe a naviega Vanessa Fernández. Para facer estas afirmacións, apóiase no seu traballo doutoral pero tamén na súa experiencia propia como persoa natural dos Ancares.

O seu testemuño coincide co que explican dende o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) da comarca: “Non sei de onde sacan o tempo, están en todo! Téñenme alucinada! En calquera organización de festas ou eventos, alí están as mulleres”. Elas articulan as asociacións e danlle ritmo ás súas actividades, malia que non sempre é doado debido á carga de traballo que levan canda si. “Coidan dos avós, dos nenos, fan o traballo da casa porque o marido traballa… Pero logo tamén están dispostas a colaborar e ser voluntaria no que se precisa”.

Os Ancares Lucenses | Xunta de Galicia

Non son súpermulleres nin poden con todo elas soas. Esa é unha visión errada que nos conduce cara ao mito do matriarcado. Con todo, unha cousa non quita a outra, e cómpre salientar o seu esforzo e traballo a sabendas de que vai ligado á precariedade feminina e aos roles de xénero. Para ir desfacéndose destas ataduras, no seu momento foi crucial un curso impulsado dende o CDR pola demanda das veciñas: nunha zona sen transporte público e na que moitas mulleres carecían de permiso de conducir, púxose en marcha un programa para que puidesen sacar o carné con máis facilidades, sen ter que desprazarse a Lugo para as clases teóricas. “Cambioulles a vida”, comentaban, “non depender do marido ou dun taxi deulles máis liberdade e iso tamén axudou a desenvolver máis actividades”. É un ‘gancho’ para saír e para xuntarse entre elas.

ATENDER OS MAIORES NAS CASAS EN VEZ DE LEVALOS A RESIDENCIAS DE ANCIÁNS: UNHA PROPOSTA PARA QUE NON FUXA A POBOACIÓN DO RURAL

O FUTURO DO RURAL, LIGADO Á MULLER

Á hora de aplicar a perspectiva de xénero na vida da Montaña, Vanessa Fernández ve outra cuestión chave: as mulleres son o fío polo que tirar para promover o asentamento de poboación. “Se elas teñen  aquí un traballo ou os servizos que precisan os fillos, elas van ficar no rural. No momento no que a muller teña que marchar, o home vai detrás e esa casa vai pechar”, opina esta doutora en Xeografía.

Por iso, ela propón substituír o esquema urbano co que se analizan estes territorios e aposta por adaptarse ás necesidades das xentes do rural. “Se o investimento que se fai en residencias se investise en promover o traballo no rural —por exemplo, en crear postos de emprego para a atención dos maiores nas súas casas— si que se estaría dinamizando a economía desas zonas”, solta.

MULLERES QUE SE MOVEN

Nesta radiografía que fan das mulleres da Montaña, hai un concepto que se repite moito: a capacidade e proactividade que teñen para organizarse. Poñen en marcha moitas iniciativas, tanto no ámbito profesional, como no do ocio e da cultura. É unha maneira, quizais, de sortear a orografía dispersa dunha Montaña case despoboada que non favorece as reunións entre veciños. “Igual hai aldeas pequeniñas onde só vive unha muller”, pero fan ceas, festas, excursións… “Quen mellor cho han de explicar son elas, as mulleres que viven alí”, porfía unha e outra vez Vanessa Fernández.

Non lle falta razón. Así que chamamos a Isabel Calvete, presidenta da ANPA do CPI de Cervantes e unha das caras máis visibles da dinamización cultural e educativa da comarca. “Formamos a ANPA para defender o cole ante os recortes de profesorado, pero unha cousa leva á outra. Temos que defender todo o rural. Temos dereito a vivir aquí e a ter todos os servizos, que para iso pagamos os impostos coma os demais”, sostén Isabel.

Entende que é a xente do rural a que tirará pola supervivencia da contorna, mentres que “o resto, por moito que lle guste vir, non aporta moito”. Dende a Asociación de Nais e Pais implícanse a fondo nesta loita propia e tentan organizar actividades de ocio durante todo o ano, “porque é algo que escasea nesta zona, sobre todo no inverno”.

“AS MULLERES SOMOS QUEN MÁIS TIRAMOS DO CARRO”

Esta dinamización cultural descansa, sobre todo, nas mans das mulleres. Elas son maioría nesta Asociación de Nais e Pais e son as que máis se implican nestes asuntos. “Somos máis activas, sempre queremos facer cousas. Nós somos quen máis tiramos do carro”, cre Isabel, sen quitarlle valor ao apoio dos socios varóns. “É responsabilidade nosa, como pais e nais, que os nosos fillos teñan un rural no que vivir. Ás veces estamos esperando a que nos veñan resolver a situación, pero temos que ser nós quen nos movamos para conseguir as cousas”, conclúe.

A Asociación de Mulleres Rurais Ledicia (Navia de Suarna), a Asociación de Mulleres Alecrín (Cervantes), a Asociación Cultural O Teixeiro (Cervantes)… Son múltiples os exemplos de colectivos de mulleres pra lonxe que traballan a prol dunha Montaña viva. Son as mulleres que non esmorecen nin deixan esmorecer o rural.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...