InicioMovementos sociaisCarmen Granxeiro, creadora artística: «Fun ao Orgullo LGTBI de Vilalba, vin o...

Carmen Granxeiro, creadora artística: «Fun ao Orgullo LGTBI de Vilalba, vin o busto de Fraga e dixen “mira ti…”»

Fotografía, cine, deseño gráfico... Esta luguesa non lle pecha as portas a ningunha maneira creativa de expresarse, pero o punto base é sempre o mesmo: "que conto e por que o conto". O activismo social está sempre presente nas súas pezas. É o caso de 'Benvidas ao club', un documental sobre a trata de mulleres na operación Carioca.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Para alguén que se considera “activista do cotián”, calquera loita social é benvida. Dende o ecoloxismo ata a defensa dos dereitos LGTBI, pasando por unha postura moi definida arredor da prostituciónCarmen PG Granxeiro (Lugo, 1985) empapa as súas creacións artísticas de mensaxes cun contido ben claro, sexa cal sexa a disciplina sobre a que traballa: fotografía, cine, deseño gráfico…

Ela é a creadora do documental ‘Benvidas ao club’, unha peza que reflicte a problemática da trata das mulleres en relación ao caso Carioca. “Hai uns poderes fácticos que defenden ese status quo tan triste e vergoñento”, di, a fío diso. Falamos con ela sobre o seu traballo profesional e iso lévanos, inevitablemente, a entrar nun camiño de non retorno cara ao mundo dos movementos sociais. E é que para Carmen PG Granxeiro toda a arte é política. Non o ve doutro xeito.


LUGO XORNAL: Defíneste como unha artista multidisciplinar: cine, fotografía, deseño gráfico… O feito de tocar tantos campos é froito dun amplo interese persoal ou é unha forma de asegurarse unha supervivencia económica no sector?

CARMEN GRANXEIRO: Iso vén dado polas miñas inquedanzas e necesidades persoais. Estudei cine, pero ese tipo de produción require moitos recursos económicos e humanos e eu preciso expresarme de maneira máis inmediata. Ás veces pode parecer que ao tocar diferentes campos sexa máis sinxelo atopar saídas económicas, pero non é certo, porque a nosa sociedade valora máis a especialización. Eu adícome á creación en xeral: dende a gravación con cámara ata o manexo do son. É o que preciso se realmente quero facer unha peza audiovisual cos recursos que teño [pausa]. E cos que quero ter!

LX: Entón é preferible renunciar a un maior abano de recursos se iso permite traballar con máis liberdade?

C: Si. Se eu non o fixera así, seguramente estaría traballando nun equipo técnico, pero non creo que fose realmente feliz.  Para min o que máis importa é o “que”: que conto, que quero transmitir.

LX: De feito, as túas producións audiovisuais xiran arredor de temas sociais cunha mensaxe moi clara. Entendes a arte como unha forma de denuncia social máis ca como unha maneira de expresar emocións?

C: Creo que é imposible separar unha cousa da outra. Sen a emoción de cada un de nós, tampouco aportariamos nada aos movementos sociais. O persoal inflúe no que quero contar, en por que o conto e en como o conto.

“Ás mulleres énos máis difícil vivir, en xeral”

LX: É posible vivir economicamente da creación artística? Cal é a situación para a muller?

C: Para falar da muller non nos podemos centrar só no mundo da arte. Vivimos nunha sociedade heteropatriarcal e occidental que non favorece a certas persoas: mulleres, minorías racializadas… A nós [as mulleres] énos máis complicado vivir da arte dignamente. Bueno, vivir, en xeral. Eu si que podo vivir disto, pero tamén é porque o fago dunha maneira moi particular.

Vivo nunha casa semirrural con horta propia, polo que xa teño asegurada certa comida. Logo tamén gasto poucos cartos en cousas que a xente considera esenciais. Por exemplo, teño un teléfono móbil que é unha pataca, non merco roupa… Unha das cousas para as que si que me gustaría ter máis cartos é para ir ao cine, iso si. Supoño que este modo de vida —e o feito de ter unha rede de apoio ao meu redor—  é o que me permite non agobiarme co tema do diñeiro.  Aínda así, son crítica co momento económico que vivimos, porque hai unhas dificultades evidentes.

LX: ‘Benvidas ao club‘ é un documental que fixeches arredor da trata de mulleres no caso Carioca, aquí en Lugo. Como se tratou este asunto xudicialmente?

C:  Como aínda estamos no medio do proceso xudicial, penso que hai que ter unha certa distancia con algunhas cousas. Aínda así, a conclusión é que hai uns poderes fácticos que defenden este status quo tan triste e vergoñento. Dás unha volta a unha rotonda e xa te atopas con esa realidade inadmisible.

Recollida de sinaturas de Impunidade Carioca | Óscar Bernárdez
Recollida de sinaturas de Impunidade Carioca | Óscar Bernárdez

QUERENZA POLO MEDIO RURAL

LX: O documental proxectouse a nivel estatal e, de feito, obtivo un galardón no Festival de Málaga deste ano. Así e todo, tampouco se deixaron de lado as proxeccións en distintos lugares do rural galego: Friol, A Fonsagrada, Chantada… Os circuítos artísticos habituais esquecen chegar máis alá das cidades?

C: Si, o rural galego está abandonado na cultura, pero tamén nos servizos educativos públicos, sanitarios, comerciais… As políticas encamiñáronse á eliminación do rural para controlalo, para ter poder sobre o terreo e facer o que lles saia de aí.

Con esta curta tiven a sorte de que me chamaron de moitos sitios. É unha mestura de cultura audiovisual e información que adoita ser moi benvida. Eu non podo ir a todos os lugares, pero cando me chaman do rural sempre me gusta estar alí. Dáme igual que vaia haber dúas persoas: eu vou igual! É o meu xeito de apoiar as actividades que se fan nestas zonas e de aportar ao rural o que o rural me aporta a min.

LX: E que é iso que che aporta o rural?

C: Pois moitísimo coñecemento arredor da horta, por exemplo. Agora aprecio e entendo máis a necesidade de coidar o medio, a biodiversidade… É o sustento da nosa vida. Dáme equilibrio emocional, felicidade interior, boa forma física… Case todos os galegos temos unha aldea, ben sexa de primeira ou segunda man, así que sempre tiven ese contacto co medio, pero desde que vivo neste entorno aprécioo aínda máis.

“Cando a miña muller e eu imos da man xa facemos activismo”

LX:  Trata de mulleres, ecoloxía… Estas son algunhas das loitas nas que te involucras. Tamén o fas dun xeito especial no movemento LGTBI. De feito, participaches recentemente nun debate que se celebrou no marco do Orgullo de Vilalba. Está pouco visibilizado este colectivo nas vilas máis pequenas?

C: Eu vou ir sempre a calquera cousa de activismo LGTBI. Segue sendo moi preciso e encima tócame de primeira man. Sempre lle digo á miña muller que cada vez que imos collidas da man xa estamos facendo activismo. Temos a sorte de que podemos ser activistas facendo as cousas do cotián.

E, si, aos sitios rurais hai que levar as cousas con especial alegría. Tristemente hai menos diversidade visible no cotián; custa máis que cheguen certas cousas, así que hai que facer especial fincapé. Por iso estiven encantada de ir a Vilalba. Estaba alí o busto de don Manuel [Fraga] e a bandeira pendurada do Concello [ri]. Chegamos e foi en plan “ostras, mira ti...”. É unha coña, pero é moi significativo.

A celebración do Orgullo LGTB en Vilalba, no ano 2017 | Vilalba Aberta

LX: Ademais de todas estas cousas das que vimos falando, tamén impartes obradoiros nos que abordas o tratamento destas loitas sociais na arte. Hai aínda prexuízos e tópicos á hora de configurar personaxes LGTBI?

C: Hai de todo. Aínda así, si que é verdade que o lesbianismo está pouco representado, incluso en comparanza coa homosexualidade entre homes. Somos mulleres ao fin e ao cabo…. Pero si que vexo unha mellora neste campo. Cando era adolescente non había unha peli LGTBI ou con personaxes lésbicos reais, á marxe desa vitimización na que si apareciamos ás veces. Xa non hai un baleiro tan grande, aínda que boa parte da cultura de masas se segue nutrindo dos estereotipos.

LX: Xusto vén de estrearse hai pouco o filme Elisa e Marcela, de Isabel Coixet, e unha das críticas que recibiu foi ese achegamento ao colectivo dunha maneira un tanto estraña. 

C: Eu a peli aínda non puiden vela; vin a obra de teatro que fixeron as rapazas da Panadaría. Débeselles moitísimo. Penso que é unha obra moi importante incluso a nivel histórico xa. Ademais, fora moi emocionante ver a representación rodeada dun público maioritariamente heterosexual e ver como aplaudían, aínda sen ser parte do colectivo.

LX: E en Lugo, que? Hai movemento social arredor de todos estes temas? Hai unha masa crítica con certa relevancia?

C: Ás veces dise que en Lugo non hai nada nin en cultura nin en movementos sociais, pero eu penso que non é así. Está Lugo Sen Mordazas, está a Plataforma contra a Impunidade da Carioca, Lugo de Cara ao Miño… Eu confío en que iso inflúe nas políticas locais, estatais e mundiais. Non ten o mesmo poderío ca o IBEX 35, claro, pero… [volve rir]

 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...