Alertan dos perigos da ausencia de persoal para atender vítimas de violencia machista en Lugo

"Unha mala atención é disuasoria de que as mulleres denuncien", aseguran en Esquerda Unida. Pídenlle ao Concello que cubra de inmediato as baixas laborais do Centro da Muller.

Manifestación contra a violencia de xénero | Miguel Núñez
Manifestación contra a violencia de xénero / © Miguel Núñez

A agrupación local de Esquerda Unida (EU) pon sobre a mesa a “situación de absoluto desamparo” na que se atopan as mulleres vítimas de violencia de xénero en Lugo. Refírense á “total ausencia de persoal na Casa da Muller capacitado para intervir nestes casos”.

Este servizo municipal, que tamén funciona como CIM (Centro de Información á Muller), debe ocuparse da atención psicolóxica e asesoramento xurídico. Porén, EU denuncia que a primeira desas funcións está desatendida dende hai tempo porque “a persoa encargada está nunha baixa que se está a prolongar sen ser cuberta polo goberno local”. O mesmo ocorre, din, coa praza de traballo social.

Así as cousas, reclaman que o Concello cubra esas baixas laborais “de inmediato”. “Cando se dá a oportunidade de que unha muller que está á sufrir violencia machista se atreve a chamar para pedir axuda, algo de por si moi complicado, é unha obriga da administración ofrecerlle tódolos recursos”, insisten. Segundo explica Chus Rodríguez, psicóloga integrante do Consello Local de EU, “unha mala atención é disuasoria de que as mulleres denuncien e pode expoñelas aínda máis ante os seus agresores”.

Do mesmo xeito, EU tamén sinala a falta de persoal técnico no piso de acollida destinado ás vítimas de violencia machista. “Hai uns meses unha muller sufriu unha agresión machista neste piso, o que evidenciou a insuficiencia do protocolo de seguridade”, lamenta Chus Rodríguez.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here