Os lucenses poderán acudir desde o centro de Lugo ao Anxo Carro e ao Miño a través dunha ponte peonil

O Ministerio de Fomento deu xa o visto e prace.

Ubicación da pasarela peonil do Anxo Carro | Concello de Lugo
Ubicación da pasarela peonil do Anxo Carro | Concello de Lugo

Lugo estará aínda máis conectada co río Miño a través da creación dunha nova pasarela para peóns e bicicletas que favoreza o acceso directo dende o centro urbano á zona do río co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.

As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na illeta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol Anxo Carro, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

O Concello de Lugo vén de recibir o informe no que o Ministerio de Fomento autoriza a construción da pasarela peonil ao Miño que impulsa o Goberno local a través da estratexia DUSI financiada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) co fin de mellorar a comodidade e a seguridade do acceso ao río. A de Fomento é unha autorización preceptiva para poder acometer as obras, en tanto que afecta á estrada N-VI, de titularidade estatal.

Tamén é obrigado o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, pendente despois de que requirira máis documentación sobre a visibilidade da pasarela dende o Camiño, así como axustes no deseño, uns traballos que está a realizar a empresa adxudicataria da redacción do proxecto técnico co fin de enviarllos ao departamento autonómico no menor tempo posible.

A construción da pasarela foi adxudicada en febreiro en 712.685€ á empresa Taboada e Ramos, co que unha vez que se obteñan os permisos poderanse iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here