“A xente non vai limpar os montes ata que non lle cheguen as multas”

Este ano recibironse máis do dobre de peticións para a limpeza das franxas de seguridade que o ano pasado ante o temor a sancións.

Incendio durante a vaga de lumes de outubro de 2017 / © Miguel Núñez

A demanda de empresas que realizan traballos forestais en Galicia, entre eles de roza de leiras e cortas, disparouse nas últimas semanas, a escasos días de que, o próximo 31 de maio, termine o prazo para que estean limpas as denominadas franxas de seguridade de 50 metros ao redor de núcleos urbanos e edificacións illadas. Miguel Fernández, da empresa Corbelim, en Castro de Rei (Lugo), cre que “ata que cheguen as multas” non vai haber un verdadeiro movemento para combater os incendios forestais.

Chaman moito para pedir orzamento, iso si que o notei”, comenta, antes de alertar que, aínda así, “a xente aínda non tomou moita conciencia” sobre esta problemática, a pesar da vaga de incendios do pasado outubro, que cercou numerosas vivendas e até núcleos de poboación.

Tractor realizando unha roza forestal nun monte / EP

Varios responsables de pequenas empresas dan conta deste crecemento da demanda, que nalgúns casos é de máis do dobre que a recibida por estas datas o ano pasado, e que todos eles atribúen á obrigación legal e a unha maior “concienciación” por parte de particulares e comunidades de montes.

“CONFUSIÓN TREMENDA”

Con todo, outras compañías detectan simplemente un “murmurio” e un aumento das solicitudes de orzamento, pero non tanto unha maior concreción na execución de rozas e tallas. A este respecto, comunidades de montes denuncian “unha confusión tremenda” e, como xa advertiu o presidente da Fegamp a semana pasada, ven “imposible” ter lista todo este labor a semana que vén, o xoves 31, cando expira o prazo.

Tamén Miguel Fernández suliña que “falta moitísimo” por facer e tamén por parte dos municipios, que “como son votos en contra, non se meten”. Neste punto difire doutros empresarios consultados, que valoran que houbo “moitas charlas informativas” para trasladar as obrigacións que a lei fixa desde 2007 pero que desde este ano a Xunta trata de facer cumprir con maior afán.

MÁIS DISPOSICIÓN DOS PROPIETARIIOS

De feito, fontes da Consellería de Medio Rural indican que están a percibir “unha maior e mellor disposición por parte dos propietarios forestais”. “Consideramos que as últimas reformas legais introducidas para fomentar e facilitar estes labores, xunto ás medidas de divulgación e concienciación, están a dar os seus froitos”, resalta o departamento.

Neste escenario, os axentes forestais e ambientais (tanto os sindicatos como a asociación profesional) inciden en que a norma, que lles outorga funcións de control e información das franxas, vén de lonxe (máis de 10 anos). Poñen o foco, neste sentido, na problemática das leiras cuxo dono non é coñecido, posto que para esa supostos a Xunta habilitou a posibilidade de expropiación. Para iso é precisa unha tarefa administrativa (de apertura de expedientes) para a que os concellos aseguran non ter medios.

Bombeiro combatindo un importante incendio durante a vaga de lumes de outubro de 2018 / Miguel Núñez

Desde outro punto de vista, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xose Alfredo Pereira, lamenta a “confusión tremenda” que supuxo “a modificación do modificado do modificado”, tendo en conta que o actual Goberno cambiou a lei de incendios en varias ocasións e iso implica “un barullo”.

Das 140 comunidades que engloba esta asociación, en Pontevedra e a comarca do Barbanza, afirma que “todas están a iso”, con diferentes grao en canto á limpeza efectiva dos montes. Algunhas teñen persoal cualificado para facer estas tarefas e outras contratan a empresas. Máis nunha ampla reportaxe en GC.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here