InicioMedioambiente e PatrimonioA Xunta cercará os xabarís en Lugo e os animalistas piden medios...

A Xunta cercará os xabarís en Lugo e os animalistas piden medios non letais

O goberno galego quere impedir o paso e dispersar as poboacións de xabarís a zonas onde poidan ser cazados, algo que os animalistas consideran contraproducente

PUBLICADA O

- Advertisement -

O descontrol das poboacións de xabarís na contorna de Lugo levou á Xunta de Galicia a tomar a decisión de instalar cercas e estacadas arredor dos lugares nos que reside o porco bravo, así como desbrozar os predios próximos a vivendas para evitar que poidan ser empregados como refuxio. O obxectivo último é dificultar o paso e desviar os animais cara a zonas onde poidan ser cazados.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, desmentiu que o executivo galego valorase realizar batidas nocturnas contra os xabarís. Si que se contempla, por outra banda, acoutar espazos con axuda das forzas de seguridade. Sen ofrecer máis detalles, o representante autonómico comentou que están a estudar varias medidas disuasorias para reducir a presenza do animal nas estradas e áreas céntricas de Lugo.

Así, a Xunta entregará ao Concello un documento que indica os abeiradoiros dos xabarís preto do Miño e do Rato, que deberán ser limpados polos propietarios dos terreos ou pola propia administración local, segundo indicou a Televisión de Galicia. A eliminación das goridas alonxará o porco bravo da cidade, onde está prohibida caza e a persecución con cans. Do dispositivo participarán Medio Ambiente, Seprona, a Universidade, sindicatos agrarios, a Federación Provincial de Caza, e Policía Nacional, Local e Garda Civil.

En resposta a este plan, a Federación Rural Galega reclamou á Xunta maior atención sobre as consecuencias nas explotacións agrogandeiras. Elías Somoza, coordinador en Lugo da Fruga, asegurou en Radio Lugo que todas as medidas de Medio Rural foron infrutuosas, cando non prexudiciais, para os gandeiros da provincia. Somoza fixo referencia ao perigo que representan os xabarís para as granxas, debido á propagación de doenzas que poden danar seriamente o eido porcino.

A advertencia dos animalistas

Un xabaril entrando nun campo de millo | desveda.com

A estratexia da Xunta inqueda ás asociacións a prol do benestar animal, que entenden que a caza “non é unha ferramenta eficaz” para evitar a presenza de xabarís en zonas urbanas ou os danos nos cultivos. Libera! e a Fundación Franz Weber aseguran que dende 2011 foron eliminados arredor de 150.000 raposos e porcos bravos en Galicia sen que desaparecera o problema.

Neste senso, os animalistas indican que “parte da problemática” deriva da reducción das faixas de seguridade na Lei de Caza, de 200 a 100 metros, “o que empurra a estes mamíferos a procurar protección preto de parques e vivendas fronte aos escopeteiros”.

Así as cousas, instan á administración autonómica a avaliar exemplos de éxito en escenarios semellantes. Recomendan estes colectivos probar as medidas auspiciadas pola Diputació de Barcelona, na que participaron biólogos e enxeñeiros forestais, con accións de xeoxardinaría, captura non letal e relocalización dos animais.

A solución definitiva, apuntan, está no veto das batidas. Así sucedeu no Cantón de Xenebra, onde a caza foi prohibida en 1974, e os donos de explotacións agrogandeiras reciben compensacións polos danos; ou o estado de São Paulo, que desbotou as batidas por considerar que non tiñan efecto sobre os xabarís.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...