InicioMedioambiente e PatrimonioA Axencia de Turismo segue a deturpar o Camiño Primitivo na Fonsagrada

A Axencia de Turismo segue a deturpar o Camiño Primitivo na Fonsagrada

O Foro do Camiño denuncia a alteración irreparable dun novo treito do Camiño Primitivo na Fonsagrada por mor das obras de acondicionamento da Axencia Galega de Turismo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Maquinaria pesada, nivelado do terreo, cimentación con sumidoiros, recheo con cascallo e xabre. Este proceso de urbanización podería acontecer no rueiro de calquera das nosas vilas, mais forma parte das actuacións que a Axencia de Turismo realiza no Camiño Primitivo, eliminando para sempre a face orixinal. Desta vez, o treito afectado é o que conecta os lugares de Vilardongo e Pedrafitelas, na Fonsagrada. 

Os feitos foron trasladados polo Foro do Camiño á organización de vixilancia do patrimonio ICOMOS, vencellada a Nacións Unidas. O Foro, que integra a trinta colectivos a prol dos itinerarios xacobeos, censura “a construción dun novo Camiño de Santiago no século XXI” a cargo da Axencia Galega de Turismo, departamento que dirixe Nava Castro. Estas actuacións son habituais dende hai dous anos, chegando a alterar ata tres veces o mesmo treito. 

Trazadas segundo un agresivo plantexamento, as obras foron recriminadas asemade polos veciños, polas repercusións sobre as propiedades á beira da vía histórica, recoñecida pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. “Esta nova e gravísima modificación da arquitectura e paisaxe do Camiño Primitivo –describe o comunicado do Foro– conleva a perda irremisible da súa memoria inmaterial asociada á vía milenaria tradicional, así como do seu valor histórico e cultural”.

O proceso de pavimentación implica a “uniformización e desnaturalización” da ruta de peregrinación a Compostela, “perdéndose definitivamente o fío condutor co pasado, a súa diversidade, integridade e autenticidade”. A construcción deste novo camiño de cemento por riba da traza medieval traspasa os límites de reforma, polo que se solicita a ICOMOS promover a aplicación dos criterios de protección.

Así mesmo, a denuncia reflicte a corresponsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na transformación irreversible do Camiño Primitivo. As asociacións patrimoniais piden aos concellos “que non se inhiban das súas funcións en canto ao control e outorgamento de licenzas de obra para actuacións que atentan contra o patrimonio dos pobos que representan”.

Os recentes contactos entre o Foro do Camiño e a dirección de ICOMOS amplían a denuncia presentada en 2016, con imaxes das novas intervencións de Turismo. O organismo de supervisión “está disposto a intervir contra a desprotección das vías xacobeas”, inquedo por que esta cuestión quedara en mans da Axencia Galega de Turismo e a falta de previsións sobre as consecuencias sobre a propia entidade do Camiño, de como a especulación comercial podería acabar co espírito que move a peregrinación.

Ricardo Polín: “No Camiño Primitivo prima a visión comercial sobre a identidade”

ÚLTIMAS

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...