Lugo recibe unha distinción pola recuperación do Humidal das Gándaras

A Federación Española de Munipios e Provincias entrégalle o segundo premio de Boas Prácticas Locais pola Biodivesidade na categoría de Medio Hídrico.

A alcaldesa, Lara Méndez, o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, e o catedrático da USC, Antonio Rigueiro, durante a rolda de prensa con motivo do Día Mundial dos Humidais | Arquivo LX

O Concello de Lugo recibirá este martes o recoñecemento de Boas Prácticas Locais pola Biodiversidade da man da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) pola recuperación do Humidal das Gándaras.

A actuación, posta en marcha polo executivo municipal neste bosque de ribeira, obtivo o segundo premio na categoría de Medio Hídrico na segunda edición dos galardóns outorgados pola Rede de Goberno Locais+Biodiversidade.

O acondicionamento deste espazo de cinco hectáreas de extensión, que se enmarca no proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, supuxo preservar a súa rica diversidade para que sexa un espazo de esparexemento de veciños e visitantes, ao integrarse no paseo periurbano da cidade, pero tamén con fins divulgativos e investigadores, xa que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario polo seu especial valor de conservación e grao de ameaza en Europa.

Por iso, o xurado deste premio valorou cuestións relativas ao impacto do proxecto nas condicións da vida silvestre e os ecosistemas naturais, a súa sustentabilidade, o fortalecemento da participación cidadá, e a promoción da igualdade e equidade dentro das condicións locais. Tamén incidiu na súa capacidade exemplarizante e na súa posibilidade de desenvolverse con éxito noutros Gobernos Locais, na súa permanencia e na súa visión global.

O executivo municipal, da man da USC, elaborou un plan de conservación para o Humidal das Gándaras, como requisito previo á súa declaración como ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O plan de conservación contempla unha consignación económica anual, con cargo aos orzamentos municipais, para a posta en marcha de diferentes medidas, da man da USC e o Campus Terra, para a protección e a xestión do espazo, por un período inicial de dez anos, cun importe total de 70.000 euros.