Os médicos de Lugo que morreron combatendo a gripe do 1918

Helena González de Bisagras de Papel pescuda nos boletíns dos anos da gripe, en busca de información sobre os médicos e farmaceúticos, que morreron pola pandemia. Foron vinte familias en Galicia e dúas en Lugo, as que solicitaron axudas polo morte deses "mártires da ciencia".

Viñeta que reflexa o impacto que tivo a chamada Gripe Española

Dende que a COVID-19  irrompeu nas nosas vidas, dedico alomenos un anaco do día a ler sobre esoutra pandemia que asolou o mundo no 1918, chamada inxustamente “gripe española”. Tamén tento facer memoria das veces que teño tropezado con esta enfermidade no meu escaravellar, persoal ou profesional.

Aparentemente, non hai mortes por gripe española na miña familia…. Tampouco nas miñas investigacións profesionais, salvo aquel caso do médico titular de A Mezquita, en Ourense. Francisco Rodríguez García, que así se chamaba, morreu na segunda onda da “grippe”, con trinta e seis aniños

Así nomeaban a esta doenza naqueles tempos. Era “grippe”, con dúas pes, na súa versión francófona, como para clarexar que viña de fóra.

O noso médico, segundo constaba no seu certificado de defunción, deixou  muller e filla. A súa muller Petra puido solicitar pola súa condición de viúva de médico “falecido de epidemia” unha pensión remuneratoria de 1.100 pesetas anuais, que se lle concedeu un ano máis tarde pola Dirección Xeral de Débeda e Clases Pasivas, dependente do Ministerio de Facenda.

Así o determinaba a Real Orde de 16 de novembro de 1918, que pretendía axilizar os trámites para que as familias dos sanitarios falecidos solicitasen as pensións que lles correspondían polos servizos extraordinarios prestados. Era un recoñecemento especial, para as familias daqueles heroes. E digo heroes, en masculino, porque daquela só había médicos.

Cando a gripe chegou, Olimpia Valencia aínda estaba a estudar na Facultade de Medicina de Santiago. Esta pioneira da medicina en Galicia non abriría a súa consulta privada en Vigo ata o ano 1925.

Levada pola curiosidade, decidín pescudar na Gazeta, colección histórica, para saber un pouquiño máis da identidade e lugar de procedencia dos médicos e tamén algúns farmacéuticos que faleceron naqueles tempos a causa desa terrible enfermidade.

O resultado desta pequena investigación sobre as pensións remuneratorias, publicadas pola Dirección Xeral de Débeda e Clases Pasivas, na Gaceta de Madrid dos anos 1918-1920, foi unha listaxe de máis de cen profesionais. Foron “mártires da ciencia” que loitaron contra a epidemia en tódolos recantos da xeografía española.

Vinte deles traballaban en Galicia e dous na provincia de Lugo.

Pedro Anllo Pérez, médico titular de Abadín, morreu na súa casa de Gontán, en 27 de setembro de 1918, na segunda onda de outono. Estaba casado, no momento do deceso, con Elisa López Aguiar e tiña 35 anos.

Eduardo Fraga Sánchez, médico titular do Incio, morreu na terceira onda, na primavera do 1919. Estaba casado, no momento da súa morte, con Mercedes Mera Grandío. Segundo relata a prensa da época “bajó al sepulcro en plena juventud”.  

Pregúntome se queda algo disto na memoria das persoas, que viven hoxe nestes lugares.

[ Do blog Bisagras de Papel ]

RELACIÓN DE MÉDICOS E FARMACEÚTICOS, FALECIDOS DE EPIDEMIA, EN GALICIA 

 

Pedro Anllo Pérez, médico, por Lugo- Abadín

Benito Pazos González, por  Pontevedra-Pontevedra

Venancio Peón López, médico, por Pontevedra-Tomiño

Gonzalo Romero Juega, médico, por Coruña- Zas

José Manuel Armesto, médico, por Orense-Viana

Francisco Rodríguez García, médico, por Orense – A Mezquita

Francisco Cebreiro Picos, médico, por Coruña-Narón

Enrique Lens Cuena, médico, por Coruña-A Coruña

Teodoro Rubio Ulloa, médico, por Pontevedra- Tomiño

Jesús Noya Viqueira, médico, por Pontevedra-O Rosal

Leonardo Rosado Punín, médico, por Coruña-Pontedeume

Nicolás Blanco Sánchez, médico, por Coruña-Palmeira

Juan Rodríguez Martínez , médico, por Coruña-Monelos

Agustín Couceiro Núñez, médico , por Coruña-Paderne

Alejandro Sixto Baladrón, farmacéutico, por Orense-Laza

Manuel Calviño Covas, médico, por Pontevedra-Meaño

Carlos Cunqueiro Montenegro, médico, por Coruña-Allariz

Eduardo Fraga Sánchez, médico, por Lugo-O Incio

Ricardo Albarellos, médico, por Pontevedra-Vilanova de Arousa

Narciso Carrero Goyanes, médico, por Coruña-Santiago

Fonte: Gaceta de Madrid

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here