A provincia de Lugo formará parte da Ruta Transrománica

A Deputación aprobou por unanimidade o ingreso nesta entidade, algo que contribuirá á promoción turística nun momento complicado.

A Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da Unesco. REMITIDA - Arquivo

A corporación provincial aprobou este martes por unanimidade o ingreso da Deputación de Lugo na asociación Ruta Transrománica, un organismo acreditado co selo de calidade do Consello de Europa e que ten como obxectivo fundamental o estudo da arte románica no continente e a promoción de itinerarios para o seu coñecemento no ámbito internacional.

O presidente da institución provincial, José Tomé, promotor do ingreso da Deputación nesa entidade, opina que a entrada na Ruta Transrománica supón situar “ao románico lucense”, e de forma concreta á Ribeira Sacra, “no máis alto nivel de recoñecemento e visibilidade” no ámbito europeo, o que ao seu xuízo contribuirá á “promoción turística da provincia nun momento de gran dificultade para o sector por mor da pandemia”.

“Unha candidatura rigorosa e de calidade fixo posible entrar nesa entidade. Hoxe quedan referendados a aposta e o traballo que vimos desenvolvendo na Deputación de Lugo para promocionar o territorio a través do turismo. Un turismo de calidade, de experiencias, respectuoso coa contorna e que pon en valor a riqueza patrimonial”, dixo durante a súa intervención, “con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo o ano”. Desde o seu punto de vista, esa é a “fórmula adecuada para facer do turismo un instrumento eficaz para crear emprego e fixar poboación”.

Ademais, lembrou que a presenza nesa rede europea do románico “supón tamén un importante apoio para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, así como para a promoción do Camiño de Inverno, de cara ao Xacobeo 2021″.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que ingresa neste organismo, “un dos principais roteiros culturais paneuropeos, que conta co selo de Intinerario Cultural do Consello de Europa, e da que forman parte conxuntos monumentais de nove países”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here