Piden un “plan de choque” para recuperar os castiñeiros da Montaña vítimas da praga

A avispilla reduciu a só un 10% a produción de castaña nos Ancares con respecto ao que sería unha colleita normal.

Flores de castiñeiro | Viascos - Galipedia
Flores de castiñeiro | Viascos - Galipedia

EFE |  Unións Agrarias (UU. AA) demanda un “plan de choque” da Administración para tratar de corrixir ao longo “do presente ano” a “catastrófica situación” dos bosques “produtores de castaña na Montaña lucense”.  Piden medidas que permitan afrontar “de forma eficaz a loita contra a praga da avespa” que minguou a colleita deste ano.

Segundo este sindicato, a “saúde” dos bosques de castiñeiros dos Ancares e do Courel atópase “en estado crítico a causa” desta praga, provocada por “un insecto chegado desde China a Galicia no ano 2014”, que impide o desenvolvemento dos brotes nas árbores.

MÍNIMA PRODUCIÓN

Seis anos despois, di UU. AA, esa praga reduciu a só un 10% a produción de castaña na comarca con respecto ao que sería unha colleita normal. De feito, o sindicato lembra que “esta praga foi detectada no Courel hai apenas tres anos, o que dá unha idea do seu rápido desenvolvemento”.

Unións Agrarias reclama un “estudo inmediato das causas do fracaso nesta comarca da loita biolóxica contra a avispilla a través do parasito Torymus Sinensis”, que comezou a ser liberado no ano 2018.

Segundo o seu criterio, é “fundamental que a Administración inicie de inmediato un traballo de campo” para comprobar a situación actual cun seguimento “do ciclo biolóxico da avispilla” para determinar “cal é o momento máis eficaz para a solta do parasito” e ter suficientes exemplares “preparados”.

A partir de aí, pide o deseño dun “plan de choque” para mellorar de “forma significativa a situación dos bosques de castiñeiros” e que se acurte o prazo de seis anos que baralla a Xunta para dita recuperación. Se non é así, moitas árbores “hoxe afectadas” non van resistir o efecto da praga.

IMPACTO ECONÓMICO

Lembra, así mesmo, a importancia económica desta produción, que supón uns 10 millóns de euros ao ano para os propietarios dos castiñeiros na provincia de Lugo. Nos Ancares no Courel a venda de castañas nun ano normal pode deixar 3 millóns de euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here