Deteñen por malos tratos animais a un dos okupas do Pazo da Fervedoira

Os axentes localizaron a dous cans abandonados e en moi malas condicións e un cachorro morto

Can maltratado, rescatado polo Seprona e Medio Ambiente / Cedida.

A Policía Nacional detivo por un delito de malos tratos animais a un dos okupas do Pazo aá Fervedoira, en Lugo, tras localizar a unha cadela e ao seu cachorro en moi mal estado e a outra cría xa falecida.

Segundo informou o corpo, os feitos sucederon a finais da semana pasada, cando a Policía Local localizou a dous cans abandonados na zona do polígono das Gándaras. Despois de ser vistos polos servizos veterinarios e tras a localización dos seus propietarios, estes resultaron ser un dos okupas do Pazo da Fervedoira.

A cadela que foi localizada presentaba “claros síntomas de malos tratos”, apunta a Policía, ademais de estar en estado lactante, polo que “era primordial que estivese preto dos cachorros”. Un deles foi localizado, tamén en mal estado preto dela. Do outro, deu información o responsable do animal, dicindo que se atopaba falecido nunha zona de maleza próxima. Ademais, os animais atopados tiñan amputado o rabo, o cal esta prohibido.

Por estes feitos foi detido como presunto autor dun delito de malos tratos animais un home nado en Madrid, de 30 anos e ao que constan antecedentes.