Descobren outro pequeno castro sen catalogar no concello de Castroverde

Atópase en Castedo, parroquia de Barredo. A asociación Patrimonio dos Ancares notificou á Xunta do achado.

Pena do castro de Rebordaos (Castroverde), localizado no mes de maio do 2020 | Patrimonio dos Ancares

O colectivo Patrimonio dos Ancares informa da descuberta dun novo castro sen catalogar no concello de Castroverde e cuxa existencia foi posta agora en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio (Xunta de Galicia). A asociación de recreación histórica Tir Na n’Og, que participa activamente no Arde Lucus, foi quen localizou o enclave hai pouco.

O castro atópase en Castedo, parroquia de Barredo, a 614 metros de altitude. Ata alí achegáronse integrantes de Patrimonio dos Ancares e comprobaron que “é de pequenas dimensións“, cunhas medidas aproximadas de 43 por 52 metros. Segundo explican, unha muralla perimetral defendía o poboado, ao que se podía acceder polo oeste.

O achado deste castro súmase así aos outros catro castros localizados no mes de maio neste concello e que tamén estaban sen inventariar. Tras ser localizados por Patrimonio dos Ancares foron postos en coñecemento da Xunta de Galicia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here