InicioMedioambiente e PatrimonioDescobren seis mámoas sen catalogar nos Ancares grazas á transcrición de documentos...

Descobren seis mámoas sen catalogar nos Ancares grazas á transcrición de documentos antigos

O colectivo Patrimonio dos Ancares localizou estes enterramentos nos concellos de Becerreá, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz. Algúns deles funcionaban tamén como lindes entre parroquias, segundo a información obtida de arquivos históricos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo Patrimonio dos Ancares localizou entre os días 3 e 9 de xuño seis mámoas sen catalogar nos concellos de Becerreá, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz. A súa descuberta foi posible grazas á transcrición de documentos antigos e foi posta en coñecemento do Servizo de Xestión Cultural da Xunta para a súa inclusión no Inventario de Bens Patrimoniais de Galicia.

Dous dos sepulcros documentados atópanse no Chao do Marco, na parroquia becerrense de Vilamane. Alí, a 950 metros de altitude, hai dúas mámoas de 18 e 14 metros de diámetro, respectivamente.  “Aínda que foron afectadas polas repoboacións forestais con piñeiros“, o estado de conservación da máis grande das dúas “é relativamente bo”, segundo explican dende a asociación.

Sinalan que as mámoas do Chao do Marco aparecen citadas en documentos dos anos 1683, 1752 e posteriores. “Na paraxe había, polo menos, 16 mámoas. Na actualidade, con estas recentes, só quedan cinco”, engaden.

Eses non foron os únicos sepulcros atopados en Becerreá. Nas parroquias de Quintá de Cancelada e Vilaiz, no monte do Peneigar, este colectivo documentou unha mámoa de 21 metros de diámetro e 1’15 de altura. “Esta mámoa figura como marco divisorio desas dúas parroquias nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, do ano 1752“, indican dende Patrimonio dos Ancares. O achado foi comunicado á asociación Castaño y Nogal, por atoparse preto da ruta do Río Donsal, que dende hai anos están a poñer en valor dende a agrupación.

EN NAVIA E NEGUEIRA

Á súa vez, Patrimonio dos Ancares tamén localizou outro par de mámoas en Queizán (Navia de Suarna), de 13 e 16 metros de diámetro respectivamente, e unha delas documentada xa nun arquivo do ano 1833. “Debido aos labores agrícolas, perderon gran parte da masa tumular en altura”, subliñan.

Por último, no concello de Negueira de Muñiz, case no límite con Asturias, foi descuberto un enterramento a 1.084 metros de altitude. Está, en concreto, no Pico de Privafornelas, na parroquia de San Pedro de Ernes. A mámoa figura nun documento de lindes do ano 1875 suscrito por veciños de Ernes e Valledor, no municipio asturiano de Allande. 

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...