InicioMedioambiente e PatrimonioO 'quilómetro cero' de Galicia sitúase nunha carballeira de Antas de Ulla

O ‘quilómetro cero’ de Galicia sitúase nunha carballeira de Antas de Ulla

O Instituto Geográfico Nacional ubica o centro xeográfico de Galicia na aldea de Nugallás (San Fiz de Amarante). Trátase dun informe definitivo que pon fin a anos de "confusións". Dende o Instituto de Estudos Ulloáns pensan que este recoñecemento pode servir para poñer en valor a riqueza dos seus bosques e esperan que non se utilice como escusa para "urbanizar" unha zona coas "carballeiras mellor conservadas da provincia".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nin Lalín nin Chantada. O verdadeiro centro xeográfico de Galicia está, definitivamente, en Antas de Ulla. Así o determinou un informe oficial do Instituto Geográfico Nacional, que pon fin a anos de “confusións” e desacordos á hora de ubicar este punto. Segundo o IGN, o ‘quilómetro cero’ de Galicia sitúase na aldea de Nugallás, parroquia de San Fiz de Amarante.

A instancia do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), o servizo rexional do IGN puxo en marcha labores de medición moi precisas para dar co punto exacto. “Xa se fixeran estudos científicos con anterioridade. Algúns deles realizáraos o propio IGN ou a Universidade de Santiago de Compostela. Non se poñían de acordo e ninguén se atrevía a dar un informe definitivo”, explica Francisco Pardo, director do IEU. Porén, desta vez non hai dúbida: o método empregado baséase no software SIG máis avanzado; é dicir, os datos cartográficos están “totalmente actualizados” e, polo tanto, serán válidos “ata que haxa un cambio enorme no litoral ou ata que varíe moito o nivel do mar, dentro de moitos anos”.

RESPECTAR O MEDIO

Slogans publicitarios como ó ‘Km 0’ de Lalín ou o ‘Corazón de Galicia’ do concello de Chantada poden dar pé a confusións. Por iso, dende o Instituto de Estudos Ulloáns propóñense divulgar este recoñecemento a través dos centros educativos e das universidades. Tamén esperan impartir conferencias informativas ou mesmo recibir visitas de escolares.

Así e todo, deixan clara a súa intención: rexeitan converter este espazo nunha área urbanizada que explote a súa condición de centro xeográfico. Lonxe diso, o IEU aposta por sinalizar a zona con total respecto cara ao medio natural no que se atopa —unha carballeira de propiedade privada—. “Precisamos certas melloras nas infraestruturas, iso si”, pide Francisco Pardo. “O acceso é precioso, pero non é doado. É un deses ‘camiños de auga’ que só son transitables no verán”.

“Antas de Ulla ten as carballeiras mellor conservadas case de toda a provincia”

Pídenlles aos organismos con competencias —en primeiro lugar, o Concello— que se encarguen das intervencións necesarias nese sentido, pero insisten na importancia de conservar o medio e non deixarse levar unicamente polo desexo de atoparlle rendibilidade económica. Ademais, o director do IEU asegura que “Antas de Ulla ten as carballeiras mellor conservadas case de toda a provincia” e agarda que “o centro xeográfico tamén poida valer para reivindicar as carballeiras centenarias que hai na zona”.

E QUEN É O PROPIETARIO DO CENTRO DE GALICIA?

Canda a satisfacción de ter recoñecido “por fin” e de “maneira definitiva” o centro xeográfico de Galicia, tamén chegaron algúns chascos. “Os cálculos anteriores sinalaban parcelas doutros propietarios. Hai como unha especie de decepción, porque un deles estaba especialmente motivado na súa promoción”, conta Francisco Pardo entre risas: “Desta vez foi coma a lotaría: a ver a quen lle tocaba!”. E é que non todo o mundo pode presumir de ser o dono do centro de Galicia…

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...