A poboación de xabarís en Galicia achégase aos 200.000 exemplares

Unións Agrarias reivindicou que "a Xunta ten que asumir que o problema ha de xestionalo ela, non o pode externalizar, non pode ser que se deixe a solución en mans dos cazadores".

Un xabaril entrando nun campo de millo | desveda.com

A poboación de xabarís en Galicia sitúase entre os 175.000 e os 200.000 exemplares, segundo os datos que manexa o sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) que, con todo, considera que o “maior problema” está nos danos que causan nas explotacións, cifrados en 15 millóns de euros.

Este mércores, o secretario de Unións Agrarias, Roberto García, alerta que neste momento “o problema (de sobrepoblación) xa é case secundario en canto ao dano que fai nas leiras a agricultores e gandeiros”.

Ademais, Roberto García avisa que “hai tres novos elementos de risco que tamén preocupan”: o “perigo físico” para as persoas, os accidentes de circulación e o “risco sanitario” ao ser os xabarís potenciais portadores da peste porcina africana.

“Isto último (a peste) suporía o peche de fronteiras e a prohibición de exportacións nun sector tan profesional como é o do porcino”, incidiu García, que pide ás administracións medidas “drásticas” para reducir a poboación.

Deste xeito, reivindicou que “a Xunta ten que asumir que o problema ha de xestionalo ela, non o pode externalizar, non pode ser que se deixe a solución en mans dos cazadores“.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here