InicioLugo e contornaA ministra de Turismo reitera o seu apoio a que o centro...

A ministra de Turismo reitera o seu apoio a que o centro histórico de Lugo sexa patrimonio mundial

Reyes Maroto fixa como obxectivo reforzar Lugo como destino turístico dentro da estratexia para o Xacobeo 2021.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, reiterou este martes o seu apoio a que o centro histórico de Lugo sexa declarado patrimonio mundial da Unesco, un obxectivo para o que as distintas administracións e a sociedade civil deben “implicarse”, dixo.

Maroto foi recibida pola alcaldesa luguesa, Lara Méndez, quen agradeceu a visita á capital da ministra en funcións, quen asinou no libro de ouro da cidade.

Maroto, de visita en Galicia este martes no que visitou a factoría de Alcoa en San Cibrao –Cervo (Lugo)– antes de desprazarse á capital provicial, expresou o seu convencemento de que a consecución da declaración da Unesco para o centro histórico lucense será “unha realidade” que poderán compartir “non só os veciños de Lugo, senón o resto de residentes de España e visitantes internacionais”.

Neste sentido, a ministra en funcións lembrou que xa expresou o seu apoio á precandidatura de Lugo na súa anterior visita á cidade a comezos deste ano, unha posición que, segundo Maroto, xa trasladou ao embaixador da Unesco en España.

“Estou segura de que (a candidatura) contará coa solvencia que necesita e o apoio de todas as administracións”, incidiu Reyes Maroto, que valorou “o proxecto” de Lugo en materia turística radicado na “gastronomía, a natureza e a sustentabilidade”.

O proxecto de Lugo vai na liña dese cambio de modelo turístico no que estamos a traballar; un cambio no económico, no social e no ambiental”, resaltou antes de subliñar o turismo como elemento que sirva de “panca” para afrontar o “despoboamento” e para “asentar a poboación”.

CAMIÑO DE SANTIAGO

Neste sentido, Reyes Maroto lembrou que existe un grupo de traballo orientado a “aproveitar” a celebración do próximo Xacobeo no ano 2021 para impulsar ideas que “vertebren os territorios” polos que pasan os camiños de Santiago.

“Podemos ampliar o foco do Xacobeo. Imos desenvolver un proxecto para que calquera desde o punto do mundo que queira pode atopar a súa ruta e personalizala”, indicou a ministra en funcións, que avanzou que esta aplicación móbil incluirá a Lugo para facer da capital provincial “un lugar de peregrinaxe”.

COMERCIO DE PROXIMIDADE

Durante a súa estancia en Lugo, Maroto tamén se referiu a outra das súas competencias como ministra: o comercio. Neste sentido, comentou que o departamento que encabeza desenvolve un proxecto conxunto coa Cámara de Comercio de España para “modernizar” o comercio de proximidade de cara a facelos competitivos co “mundo dixital”.

Así, indicou que existe un observatorio destinado a “analizar as tendencias, compartir medidas e crear espazos”, información que é trasladade posteriormente aos axentes locais.

Pola súa banda, a rexedora de Lugo, Lara Méndez, agradeceu o xesto da ministra co comercio de proximidade, un sector que representa o 11 por cento do PIB do concello e o 16% do emprego na cidade.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...