A Deputación rematou este venres coa adxudicación do servizo de roza nas vías provinciais, unhas tarefas que agardan iniciar definitivamente no mes de setembro. O Partido Popular, pola súa parte, critica a demora neste asunto. “O tempo pasa e as estradas seguen cheas de maleza a finais de agosto”, din.
O presidente provincial, José Tomé, indicou que xa comezaron os labores de roza en varias estradas de Lugo. Así mesmo, destacou que a Xunta de Goberno deste venres adxudicara os últimos tres lotes, os que afectan a Mondoñedo e Abadín; Negueira de Muñiz e Navia de Suarna; e, finalmente, Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte. “Así xa quedan adxudicados os 24 lotes nos que está dividido o contrato”, explicou. Estimou que no mes de setembro xa estarán iniciadas estas tarefas ao longo de toda a provincia.
UNHA SITUACIÓN “INCONCIBIBLE” A ESTAS ALTURAS DO VERÁN
Estes prazos que manexa a Deputación son vistos con ollos críticos dende o PP provincial. A voceira do grupo, Elena Candia, pediu que se “axilicen as rozas” porque “é inconcibible que, a piques de rematar o verán, estes labores estean sen acometer”. Así, reprobou a “falta de previsión” do goberno provincial ante unha situación que ven “insustentable”.
Ademais do “perigo” para os condutores, Elena Candia lembrou que é “nestes meses” cando “o risco de incendios é maior debido ás altas temperaturas”, polo que a maleza que enche as marxes das vias provinciais “non axuda a previr a propagación de posibles lumes”.