A Ponte Romana de Donís, en Cervantes, aínda sen catalogar

O colectivo Patrimonio dos Ancares cre que é a máis antiga da comarca. A carón dela, existen os restos dun pequeno asentamento, coñecido como a Pena do Castelo.

A Ponte Romana de Donís, en Cervantes | Patrimonio dos Ancares

O colectivo Patrimonio dos Ancares puxo en coñecemento da Consellería de Cultura a existencia dunha antiga ponte no concello de Cervantes que está sen catalogar. Segundo as características que presenta, o máis probable é que sexa de orixe romana. 

Coñecida como a Ponte Romana ou a Pontevella, está ubicada na parroquia de Donís, nas inmediacións da acea das Pontes e sobre o río que leva o mesmo nome. Conta cun arco de medio punto e plataforma horizontal e está construída en lousa. Dende a asociación que preside Xabier Moure, cren que pode tratarse da ponte máis antiga non só do concello de Cervantes, senón da comarca dos Ancares.

Actualmente, está cuberta pola maleza e apenas resulta visible, igual ca o camiño que conducía a ela. Nin sequera se lembra cando deixou de utilizarse. No seu canto, agora emprégase unha nova ponte de formigón que substitúe a outra de madeira que asentaba sobre alicerces de pedra.

CERVANTES, TERRA DE ROMANOS

Por riba da Ponte Romana, a uns 650 metros de altitude, existen os restos dun asentamento de pequenas dimensións. Coñécese popularmente co nome de Pena do Castelo. Segundo a tradición, os romanos construíron neste punto unha torre para protexer o paso pola primitiva ponte. Na actualidade hai unha ouriceira utilizada antano para gardar as castañas e varias colmeas.

E é que, tal como asegura o presidente de Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, a pegada romana no municipio de Cervantes é a máis importante da comarca dos Ancares. Documentáronse máis de 60 explotacións auríferas, varios asentamentos, epígrafes latinos e un campamento temporal. Ademais, por Cervantes tamén discorría a Vía Romana XIX.  Moi preto da Ponte Romana e da Pena do Castelo está a Acea das Pontes, empregada polos veciños da parroquia de Donís para moer o gran.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here